A Deputación de Lugo condenada polo despedimento dun traballador de SUPLUSA
O traballador, explica o Secretario Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, viña prestando servizos para SUPLUSA dende xuño de 2012, comunicándolle o despedimento o día 31 de decembro de 2015, supostamente por finalización da encomenda de xestión feita pola Deputación a Suplusa (encomenda de xestión de embarcadoiros e embarcacións das rutas fluviais que organiza a Deputación).
Esta sentenza, engade, recolle aspectos "moi importantes referentes á relación entre Suplusa e a Deputación", como son os seguintes:
1.- SUPLUSA é unha entidade mercantil pública na que o capital social é subscrito e desembolsado pola Deputación, sendo o único accionista.
2.- A sentenza considera que existe unha cesión ilegal de traballadores/as, pois considera que o demandante traballou para a Deputación dende o ano 2012, como se fora un traballador da mesma, pese a ser contratado por SUPLUSA, xa que dita entidade é instrumental da Deputación. "Polo tanto, SUPLUSA non exerce como empresaria efectiva do traballador, pois as ordes e instrucións de traballo recíbenas de persoal da Deputación, os medios materiais para traballar son proporcionados pola Deputación", subliña Niño.
3.- Por todo o anterior, a sentenza considera que o traballador debe adquirir a condición de traballador da Deputación demandada, pois considera que existe cesión ilegal de man de obra, ademais de existir tamén unha fraude na contratación.
Extender os efectos ao resto do persoal
Para a CIG de Lugo está situación é inadmisíbel e xa adiantaron que van solicitar á Deputación que acate a sentenza, readmita o traballador despedido, e que faga extensivo os efectos da sentenza ao resto do persoal de SUPLUSA (aproximadamente 40 persoas), "que se atopan en idéntica ou similar situación". De non regularizarse a situación, presentarase denuncia na Inspección de Traballo e no Xulgado.
"Esta sentenza demostra que SUPLUSA non é máis que un chiringuito da Deputación utilizado para pagar sobresoldos a funcionarios de elite da propia institución e salarios encubertos a deputados da mesma, pois en SUPLUSA cóbranse dietas independentemente de que ter dedicación exclusiva na Deputación. Ao tempo que lle permite ao Organismo Provincial saltarse as limitacións establecidas pola leis da Administración Pública tanto para contratación de persoal, como para a contratación de servizos a empresas", denuncia Niño,
O Secretario Comarcal da CIG, quen tamén considera que a Deputación de Lugo "debe revisar e regularizar a situación doutros chiringuitos públicos dependentes da mesma, como é o caso da Fundación TIC".
"Non é tolerábel esta discriminación cando o contratista principal é unha administración pública (Deputación de Lugo), que constantemente está “vendendo” publicamente a aplicación de cláusulas sociais nos contratos da administración".