A democracia na clase obreira

Fermín Paz Lamigueiro - 01 Xul 2020

É urxente iniciar a renovación do sindicalismo polas fórmulas de representar e como exercer a representación; os traballadores na empresa, no sector e en calquera ámbito de negociación

"Se non desenvolves unha cultura democrática constante e viva, capaz de implicar os representantes, eles non van facer as cousas polas que lles deches o voto" (Noam Chomsky)

 Estou a vivir unha experiencia laboral como traballador xubilado que non merecería tratamento analítico se fose dunha empresa só. Mais teño o temor fundado de que o acontecido na empresa en que traballei é, ou pode ser, máis cedo que tarde, unha práctica sindical desviada e sen control obreiro no nome dunha ou outra determinada maioría sindical. De aí a miña preocupación e necesidade dunha explicación a clase traballadora.

 O feito pola UGT en Enel- Endesa é unha actuación tan pouco democrática como perigosa ao poñer de manifesto algúns aspectos que o sindicalismo non debería transitar. O sistema vai amparar o que faga a representación de calquera sindicato coa empresa -aínda que o acordo sexa decidido sen contar cos traballadores-. Un novo convenio pode con todos os anteriores e os sindicatos que conforman a mesa negociadora están lexitimados para representaren, inclusive, a quen non temos dereito ao voto nunhas eleccións sindicais (como os xubilados e outros colectivos, que só teremos defensa diante da lei, na vía individual).

 Vou tentar situar a orixe das desviacións na representatividade sindical. Na súa vertente colectiva, a titularidade orixinaria do Dereito fundamental establecido no art. 28.1 da Constitución española é dos sindicatos e non doutros suxeitos colectivos, como os comités de empresa e delegados de persoal. Aínda que nas leis que establecen a representatividade, a construción deste concepto baséase nos resultados electorais alcanzados para os membros dos Comités de Empresa e delegados de persoal. O criterio é un indicador que aparenta sinxelo, mais a experiencia de todo este tempo mostra os retorcementos interesados tanto do poder, do duopolio sindical de CCOO e UGT, así como o intervencionismo empresarial no proceso electoral para "adxudicar“ delegados sindicais á alternativa que máis lles conveña.

 É verdade que existen outras fórmulas para medir a representatividade, mais un sistema baseado sobre a representacíón voluntaria ou asocíativa pura dos afiliados a cada sindicato non resolvería a cuestión da blindaxe institucional pretendida polos lexisladores e pactada con estes dous sindicatos.

 Polo tanto, a primeira formulación da representatividade sindical fíxose, dous anos logo da aprobación da Constitución española, no Estatuto dos Traballadores de 1980. No título III desta Lei atopamos o modelo promocional colectivo claramante establecido. A finalidade do Estatuto foi tamén configurar un instrumento de negociación, dotado de eficacia normativa e xeral, que regulase as relacións de traballo. A Lei pretende desde o inicio promover á vez tanto o sindicato como as representacións unitarias na empresa mediante a utilización, xustamente, do convenio colectivo de eficacia xeral. Hai neste modelo unha certa división de roles, nunca explicitada, segundo a cal a negociación colectiva de empresa se confía ao suxeito representativo unitario, é dicir, aos Comités de Empresa, mentres que a negociación colectiva nos niveis superiores a esta, normalmente sobre a base da rama de produción ou de industria, é competencia do sindicato.

 A Lei Orgánica de Liberdade Sindical (LOLS) regulou por primeira vez a acción sindical na empresa, creando as representacións sindicais nese ámbito, chamadas seccións sindicais, órganos de representación dos traballadores afiliados aos sindicatos actuantes ou con implantación nas unidades de produción, e instituíndo a figura do delegado sindical nas empresas de máis de 250 traballadores, ao que deron diversas garantías e funcións. Neste punto, parece axeitado facer dúas precisións: recoñécese ás seccións sindicais ligadas aos sindicatos representativos o dereito á negociación colectiva en competencia co poder normativo atribuído aos organismos de representación unitaria na empresa e, ao mesmo tempo, estes organismos «xerais» resultan sindicalizados ao máximo, a través dun quasi monopolio sindical no proceso de elección dos seus membros.

 A LOLS abre tamén novos espazos á acción sindical, ao agrandar o seu ámbito á Administración Pública. O obxectivo prometido na Lei desenvólvese en xuño de 1987 mediante un texto legal que se ocupa, segundo figura no seu título, dos órganos de representación, na Administración Pública. Nela fíxanse as regras da "negociación colectiva " dos funcionarios públicos. A negociación establece a exclusividade da representación nos sindicatos do sector, fixando a representatividade de acordo co mecanismo electoral, a votación ás Xuntas de Persoal (organismos semellantes) aos que operan no sector privado, mais que carecen dos poderes normativos e de competencias dos Comités de Empresa.

 Pasando o tempo estes procesos foron pervertidos polo duopolio sindical e desvalorizaron o Comité de Empresa e as súas funcións como organismo autónomo e unitario da representación dos intereses do conxunto do colectivo obreiro que, na realidade, se converte, na maioría dos casos, nun colexio electoral exclusivamente, medidor da representatividade sindical. O paradoxo é que nos casos de conflito moi grave ou importante, estes organismos recuperan todo o seu protagonismo e as seccións sindicais desdebúxanse tras da representación unitaria que realmente é a que elixen os traballadores.

 A clase obreira debe impulsar a democracia sindical e a participación nun ordenamento sindical na dirección de desenvolver novas fórmulas da súa representación . Na actualidade os criterios de maior representatividade a nivel estatal veñen determinados polo apoio electoral establecido no 10% dos membros elixidos dos Comités de Empresa e Delegado de Persoal ou dos organismos análogos na Administración Pública, as Xuntas de Persoal, no conxunto do territorio do Estado español. Para a maior representatividade a nivel de Comunidade Autónoma, establécese un 15%, o que concreta unha problemática específica respecto á diferente sensibilidade normativa do entramado autonómico en xeral e do sindicalismo nacionalista en particular en relación coa construción das regras que constitúen o ordenamento sindical español e o derivado da estrutura territorial do Estado.

 Xa dixen noutra opinión que é urxente iniciar a renovación do sindicalismo polas fórmulas de representar e como exercer a representación; os traballadores na empresa, no sector e en calquera ámbito de negociación. Tal convencemento lévame a propoñer unha revisión do papel das asembleas (unitarias, informativas...), que deben de contar con normas e mecanismos instituídos e obrigatorios antes da toma de decisións; os "outros sindicatos" -sen a consideración de máis representativos- teñen que ter mais funcionalidade e non ser só un elemento decorativo e xustificativo da pluralidade no duopolio sindical español; as estratexias sindicais teñen que ir dirixidas a unha maior afiliación sindical e non deben ser substituídas polas subvencións do Estado e das patronais, nin por unha cota de negociación aos non afiliados; imponse unha redistribución das funcións e actuacións entre a representación unitaria na empresa e a das seccións sindicais; a representatividade para que sexa universal ten que establecer procedementos para poder participar nas eleccións sindicais os que agora estamos excluídos (xubilados ou calquera afectado polas decisións); novas regras da negociación estatutaria e extraestaturaria; instrumentos de medición da representatividade patronal e dos autónomos; nova lexislación para declarar folga e fixación dos servizos mínimos sin tutelaxe, etc. A representatividade do sindicalismo nacionalista, tanto en Galiza como en Euskal Herria, reclama pola vía dos feitos a necesidade da transferencia de competencias para o establecemento dun marco de relacións laborais axustado a esas realidades.

 Para rematar, retomo a “negociación” do V Convenio Marco do Grupo Endesa. Dúas cousas claras, as ilimitadas pretensións depredadoras dos nosos dereitos por parte de Enel-Endesa, e a incapacidade da maioría sindical en facerlle fronte. O proceso do V Convenio pode ser o exemplo dunha desfeita laboral polo "entreguismo" sindical.

 Durante o ano 2018, e sabendo das consecuencias da reforma laboral do PP coa ultraactividade, non se realizou ningún proceso mobilizador, deixouse pasar o ano esperando a que o Goberno "amigo" modificase a reforma laboral, algo que non pasou, e debilitou moito o marco normativo dos traballadores/as de Endesa,o que fixo posíbel o roubo patronal dos dereitos por valor de mais de 500 millóns de euros (cando menos polo de agora). Foi unha enorme irresponsabilidade, e o máis grave aínda chegou no remate. Os traballadores xamais foron consultados do que se fixo ou se ía facer no penoso e previsíbel desenlace sindical. A arbitraxe foi unha fuxida da responsabilidade sindical da representación maioritaria. O árbitro (proposto pola UGT), primeiro fodeunos (posicionándose coas teses da empresa ), e agora vai ter un posto en Correos. Vivan as portas xiratorias e a hipocrisía sindical!

 Un sindicalismo entendido deste xeito é unha carta en branco á patronal, ademais dun contubernio inxustificábel. Un sindicalismo sen participación dos representados/as é a garantía de perder para sempre.

 

[Galiza, 1 de xullo de 2020]