A demanda de ciclos medios de FP presenciais triplica a oferta de prazas que se ofertan en Galiza

Nacional - 20 Xul 2023

A CIG-Ensino realizou unha comparativa entre a oferta da Consellaría de Educación e os resultados da admisión que veñen de coñecerse, que revela que onde existe un maior desaxuste entre a oferta e a demanda é nos ciclos ordinarios, con 80.897 solicitudes para só 25.595 prazas. En total, en Galiza presentáronse 106.183 solicitudes para unha oferta de 40.116 prazas.

Cómpre sinalar que as solicitudes para os ciclos ordinarios e de adultos presenciais supoñen o 82% do total sumando 86.651, fronte ás 16.822 para ciclos a distancia, é dicir, máis de 5 veces superiores, "o que demostra que non é certo que o alumnado se decante cada vez máis pola modalidade online, como insiste a Consellaría".

A CIG-Ensino foi coñecedora de casos de alumnado, por exemplo do IES As Fontiñas, que antes de matricularse na modalidade a distancia do CS de Administración e Finanzas, ao non poder continuar en modular presencial, chegou a se preinscribir en ordinario presencial en Padrón, A Estrada ou Arzúa aínda sabendo o custe en tempo e diñeiro que lle suporían estes desprazamentos.  

Outro dato a destacar é que malia a aposta brutal que a Consellaría de Educación fixo pola FP Dual, no proceso de preinscrición quedaron en Galiza un total de 1.026 prazas libres nesta modalidade das 3.736 que se ofertaban.

Sobre a oferta na rede pública, "á marxe do escurantismo existente sobre a oferta privada que autoriza a Xunta de Galiza, valora a CIG-Ensino, hai casos que son autenticamente escandalosos como que o CM de Coidados Auxiliares de Enfermaría na provincia de Pontevedra se oferte só en tres centros públicos fronte a 5 concertados".

A oferta presencial é a que ten unha maior demanda

O alumnado galego de FP decántase maioritariamente polo ensino presencial, como se pode ver nas táboas anexas tanto no resumo xenérico como no máis pormenorizado. Se sumamos o que tradicionalmente se entende por presencial, sen incluír a Dual como si fai a Consellaría cando o alumnado pode chegar a cursar o 50% do horario do ciclo nunha empresa, é dicir, o réxime ordinario e o modular para persoas adultas o número de solicitudes acada as 86.651, fronte ao número de prazas existentes na rede pública e concertada, 28.802, é dicir máis de tres veces máis demanda que oferta.

Chama poderosamente a atención que malia os esforzos propagandísticos e todas as facilidades que se lle están dando ás empresas, quedan prazas desertas na FP Dual, en concreto en todo o país 1.026 prazas. É significativo que no caso dos ciclos medios tan só houbo solicitudes para a metade das vacantes ofertadas.

A CIG-Ensino advertiu en numerosas ocasións que este sistema non ten consolidación no noso país polas particularidades do sistema produtivo e que supón unha perda considerábel na calidade formativa con respecto ao ensino presencial nos centros educativos, alén de incidir na privatización do mesmo. Os datos demostran que así o pensa tamén o estudantado.

E, por último, malia o incremento tremendo que tivo a modalidade a distancia de cara ao vindeiro curso cun 74% máis de oferta, esta tamén se amosa insuficiente. Porén os datos sobre as preferencias do ensino presencial fronte ao ensino online son perfectamente clarificadores. Como se pode ver nas táboas anexas as solicitudes para cursar ciclos medios ordinarios presenciais triplican o número de prazas ofertadas e no caso dos ciclos superiores tamén presenciais cuadriplícanas.

Táboa resumo global

 

Réxime

Prazas ofertadas

Solicitudes

Diferenza porcentual

Distancia

7578

16822

221,98%

Dual

3736

2710

72,54%

Modular

3207

5754

179,42%

Ordinario

25595

80897

316,07%

Total

40116

106183

264,69%

 

Táboa resumo detallada

Réxime

Modalidade

Grao

Prazas

Solicitudes

Diferenza porcentual

Adultos

Distancia

Medio

1950

4950

253,85%

Adultos

Distancia

Superior

5628

11872

210,95%

Dual

Presencial

Básico

44

Non publicado

 

Dual

Presencial

Medio

1492

871

58,38%

Dual

Presencial

Superior

2200

1839

83,59%

Modular

Presencial

Medio

1725

2987

173,16%

Modular

Presencial

Superior

1482

2767

186,71%

Ordinario

Presencial

Básico

4370

8204

187,73%

Ordinario

Presencial

Medio

10393

29701

285,78%

Ordinario

Presencial

Superior

10832

42992

396,90%

 

Desaxustes moi importantes froito dunha nefasta xestión

Do estudo realizado pola CIG-Ensino poden extraerse múltiples conclusións pero hai algunhas que son claramente contundentes que marcan unha tendencia tanto na demanda do alumnado como na pésima xestión da Consellaría con respecto á oferta formativa de FP e que se exemplifican a partir de datos sobre ciclos concretos, neste caso referidos só á demanda presencial.

Os ciclos da familia profesional sanitaria son dos máis demandados e onde hai un gran desaxuste entre o número de prazas ofertadas e de solicitudes:

  •         CS Radioterapia e dosimetría: 315 solicitudes en toda Galiza para 12 prazas
  •         CS Anatomía patolóxica e citodiagnóstico: 1593 solicitudes para 118 prazas.
  •         CS Laboratorio clínico e biomédico. 2093 solicitudes para 214 prazas.
  •         CS Dietética (outro dos que se pasou a distancia no IES de Redondela malia a oposición do profesorado): 844 inscricións para 110 prazas
  •         CS Próteses dentais: 674 solicitudes para 88 prazas.
  •         CS Hixiene bucodental: 1153 solicitudes para 162 prazas
  •         CM de Farmacia e Parafarmacia: 2015 inscricións para 306 vacantes

 Tamén a familia profesional de Imaxe e Son ten unha maior diverxencia entre as solicitudes presentadas e as prazas ofertadas. En 4 dos seus 5 ciclos superiores ofértase no ensino público menos dun 11% das prazas que realmente demanda o estudantado.

Un ano máis o ciclo con maior número de solicitudes na modalidade ordinaria presencial foi o CS de Infantil cun total de 3.725 solicitudes para 470 prazas entre centros públicos e concertados. Como xa leva denunciando a CIG-Ensino nestes últimos anos, moitas das persoas que non obteñen praza acaban acudindo á privada para poder formarse.

Tamén con máis de 3.000 solicitudes, en concreto 3.124, se sitúa o segundo ciclo máis demandado, de Administración e Finanzas, tamén de actualidade a finais deste curso, como o anterior, por ser dos que a Xunta decidiu eliminar moitas prazas na modalidade modular para persoas adultas e pasalo a distancia. Os datos de novo demostran que a preferencia do alumnado é cursalo presencialmente porque o número de inscricións duplica o de prazas en ordinario, 1.570.

Nalgúns casos, o alumnado afectado, que se mobilizou fortemente por esta eliminación, tiña tan claro que quería seguir cursando estas ensinanzas presencialmente que optou por matricularse en segundo curso en ordinario e non a distancia e mesmo fixeron a preinscrición en centros situados en concellos diferentes aos da súa residencia para poder garantir esta posibilidade.

 E o terceiro ciclo máis solicitado é o CS de aplicacións multiplataforma con 3.033 solicitudes para 470 prazas, o que supón que estas só cobren o 15% do total da demanda.

Cómpre ampliar a oferta presencial

Os tres ciclos con maior demanda e os únicos que superan as 3.000 solicitudes en ordinario pertencen ás familias profesionais de Servizos á Comunidade, Administración e Xestión e Informática e Comunicacións, é dicir, as máis castigadas pola eliminación de preto de 2.000 prazas presenciais este ano e pola súa conversión en oferta a distancia.

 A realidade bate de fronte coa xestión da Consellaría que debe rectificar, aínda está a tempo ampliando a oferta, e debe investir os fondos destinados ao redimensionamento da FP precisamente en incrementar o número de ciclos, tal e como os demanda a sociedade, presenciais e nas modalidades ordinarias e modulares.

Desde a CIG-Ensino advírteselle á administración que se vai seguir poñendo o foco nos datos reais para desmontar cada unha das mentiras ás que nos ten acostumado o goberno de Rueda e a Consellaría de Educación e que malia que moitos dos medios de comunicación, froito de suculentos convenios económicos, están a facer unha campaña propagandística sobre a FP, o profesorado e o alumnado desta etapa educativa non se deixa enganar.

Tendencia á privatización cada vez maior da FP presencial

Outra das conclusións que se extrae da análise da oferta educativa é o incremento da oferta privada ou concertada, nalgúns casos de forma case que obscena, ao superar os ciclos nesta modalidade os impartidos no ensino público.

Nun contexto de falta de persoal do ámbito sanitario, tanto para o sistema de saúde como para o de atención e coidados, a Consellaría non oferta as prazas necesarias para que as persoas interesadas poidan formarse nestes ciclos formativos. O CM de Coidados Auxiliares de Enfermaría contou cun total de 4737 solicitudes para tan só 990 prazas. É dicir, unha quinta parte das persoas que o pediron non poderán cursalo en centros públicos ou privados.

Esta titulación en concreto é ademais das que máis oferta privada ten en todo o país. En toda a provincia da Coruña, por exemplo, impártense 5 ciclos en centros públicos e 4 en privados , en Lugo 3 en públicos pero 2 deles na modalidade dual, en Ourense 3 en públicos e 2 en privados pero onde máis sorprendente resulta a distribución é na provincia de Pontevedra, que oferta tan só 3 destes ciclos públicos fronte a 5 privados.

Contra os concertos nas etapas postobrigatorias

A CIG-Ensino está absolutamente en contra de que existan concertos nas etapas postobrigatorias e de que se limite a oferta no ensino público, permitindo coa man aberta a proliferación da oferta privada que só se mantén pola decisión política de non ampliar a oferta pública, nun exemplo claro da tendencia neoliberal e privatizadora do PP na Xunta.

O Ciclo Medio de Xestión Administrativa, amplamente demandado e un dos ciclos máis lonxevos da FP, na cidade da Coruña pode estudarse nun centro público fronte a 4 concertados, en Ourense nun centro público fronte a 3 concertados e en Vigo en 2 públicos fronte a 6 concertados.

Pero se hai unha cidade na que o número de centros concertados que oferta FP é unha cifra máis que rechamante esa é Vigo. Algúns exemplos: o colexio privado Aloya, coñecido por seguir segregando alumnado por xénero e depender directamente do Opus Dei, oferta 8 ciclos formativos, entre eles dous dos máis castigados pola transformación de prazas presenciais a distancia na pública, o CS de Educación Infantil e o CS de Integración Social.

Dous ciclos estes que en toda a provincia de Pontevedra en centros públicos só se poden estudar a distancia, mentres que nos concertados (4 no primeiro caso e 3 no segundo) seguirán ofertándose na modalidade ordinaria presencial. Isto non é casual, como xa denunciamos no seu día.

Deixan a formación dunha familia profesional tan importante como a de Servizos á Comunidade en mans de entidades vencelladas á igrexa católica e expulsando o alumnado cara estes centros ao suprimir ciclos e prazas no ensino público. Unha decisión totalmente reaccionaria, ao igual que a imposibilidade absoluta de cursar o Ciclo Superior de Promoción da Igualdade de Xénero na modalidade ordinaria en toda Galiza.

Na cidade olívica non é este um caso illado: hai outros centros privados que ofertan un número moi superior de ciclos que outros de titularidade pública. Outro exemplo da decisión política de relegar o ensino público é que o IES Audiovisual de Vigo, que a Consellaría vai converter en CIFP malia a oposición maioritaria do seu claustro, imparte 12 ciclos da familia profesional de Imaxe e Son mentres que a súa competencia privada na cidade ten autorizadas 20 titulacións de FP, 6 de Artes Plásticas e Deseño e 3 cursos de certificación.

Para a CIG-Ensino todos estes exemplos son simplemente a boca do iceberg dunha xestión nefasta, autoritaria, despótica e privatizadora que é marca da casa do goberno do PP e da Consellaría de Educación pero que choca totalmente coa realidade dos centros de ensino e das necesidades formativas do alumnado da Formación Profesional, como se pon de manifesto nesta análise comparativa entre a oferta e a admisión.