A decadente hexemonía dos Estados Unidos

Emir Sader - 01 Mar 2022

O século XXI seguirá sendo un século de disputa entre o devalar da hexemonía norteamericana e o ascenso de forzas favorábeis a un mundo multipolar. Pero tanto a pandemia como a guerra de Ucraína aceleran esta disputa, acentuando o desenlace favorábel para esta última. O destino dos Estados Unidos no novo século convértese nunha incógnita

 O século XX acaba coa disputa entre o devalar da hexemonía imperial estadounidense e o xurdimento de forzas favorábeis a un mundo multipolar no centro da loita política mundial. Xa se proxectaba como a disputa central do novo século.

 O século XXI acelera estas disputas. En primeiro lugar, coa irrupción da pandemia, que pon de manifesto a debilidade de Estados Unidos para lle facer fronte e a forma moito máis atinada de China de afrontar os seus efectos. O que xa se revelou como un factor que acelera o enfrontamento central no novo século.

 Cando a pandemia parecía ser o factor determinante na entrada do século XXI, que marcaría todo o novo século, xurdiu a guerra en Ucraína. Isto xa se produciu no novo marco de alianzas estratéxicas entre Rusia e China, que formalizou un longo proceso de achegamento entrambas as potencias. Ao mesmo tempo que a administración de Donald Trump e as súas secuelas -incluída a invasión do Capitolio- revelaron a crise do sistema político estadounidense e a forza dunha dereita transformada en extrema dereita. Un novo elemento de debilitamento da capacidade de hexemonía política no mundo, que sempre se orgullou do seu modelo de democracia.

 A terceira década do novo século proxecta así unha nova forma de guerra fría. A primeira baseábase no relativo equilibrio entre Estados Unidos e a Unión Soviética, coa superioridade económica e tecnolóxica de Estados Unidos, e un equilibrio entrambas as potencias a nivel militar.

 Desde que a URSS fixo estourar a súa bomba atómica, impúxose aos Estados Unidos un equilibrio catastrófico, no que xa non é posíbel unha nova guerra mundial porque as dúas potencias se destruirían mutuamente. Foi neste marco en que xurdiu a Guerra Fría na que se deron conflitos entre os bloques liderados polos EUA e a URSS nun marco de convivencia, con pactos políticos e diferenzas entre eles. A crise de Cuba e os conflitos en torno a Berlín foron os momentos de maior risco de enfrontamento aberto entre os dous bloques. Porén, no marco do equilibrio catastrófico, atoparon vías de resolución pacífica dos conflitos.

 Na primeira guerra fría foi característica a superioridade do bloque occidental a nivel económico, apoiado nas economías norteamericana, europea e xaponesa, fronte ao relativo atraso da URSS e os demais países do bloque liderados por ela. Os EUA utilizaron isto para influír na situación interna da URSS como propaganda do éxito económico do capitalismo e as tentacións do consumismo de mercado.

 A combinación destes factores, máis a parálise da situación interna da URSS, incapaz de se anovar como economía e de se democratizar, especialmente acentuada durante os longos 18 anos de goberno de Brezhnev, terminou desembocando na crise interna que levou ao final da URSS. Por primeira vez, unha gran potencia na historia da humanidade practicamente se derrubou desde dentro, sen ser derrotada nunha guerra.

 A desaparición da URSS e do campo socialista devolveu ao mundo a un período de hexemonía unipolar a escala mundial, baixo a dirección de Estados Unidos, que non existía desde a hexemonía británica do século XIX.

 Mais este escenario durou pouco. As transformacións en Rusia baixo Vladimir Putin e os avances en China impuxeron rapidamente unha nova situación. A nova guerra fría é moi distinta da anterior. Estados Unidos é máis débil e as forzas alternativas, a favor dun mundo multipolar, agrupadas nos BRICS, teñen unha forza crecente.

 O acordo estratéxico entre China e Rusia prodúcese en paralelo a un debilitamento da hexemonía estadounidense sobre o seu campo. Na guerra de Ucraína, Francia e Alemaña víronse tentadas a tomar iniciativas propias, sen confiar no vacilante papel de Joe Biden na coordinación do campo imperialista.

 En comparanza coa forza que tivo na primeira guerra fría, xa sexa no eido político, económico, tecnolóxico e mesmo militar, os Estados Unidos son flagrantemente máis débiles. Na crise de Ucraína, mesmo a superioridade militar dos EUA resultou ser relativa, xa que a iniciativa e a audacia de Rusia neutralizaron a súa capacidade de acción.

 Ao mesmo tempo, as eventuais vitorias de Lula e Petro poderían configurar unha América Latina máis forte e coordinada que nunca, que fortaleza os BRICS e o xurdimento dun mundo multipolar.

 A nova guerra fría será así moi diferente á primeira, menos estábel no equilibrio de forzas entre os dous bloques, con tendencia ao fortalecemento das forzas emerxentes e ao devalar dos EUA.

 O século XXI seguirá sendo un século de disputa entre o devalar da hexemonía norteamericana e o ascenso de forzas favorábeis a un mundo multipolar. Pero tanto a pandemia como a guerra de Ucraína aceleran esta disputa, acentuando o desenlace favorábel para esta última. O destino dos Estados Unidos no novo século convértese nunha incógnita.

 O eventual regreso de Donald Trump á presidencia dos EUA podería representar unha forma de convivencia con Putin e a propia China ou unha nova forma de confrontación, xa que Trump se pode decatar de como o prestixio dos EUA e os seus efectos no seu electorado teñen efectos moi importantes tamén no voto.

 A terceira década do século XXI resulta decisiva para o destino do mundo ao longo da primeira metade do século e quizais mesmo de todo o novo século. A disputa entre o devalar da hexemonía norteamericana e o crecente fortalecemento das forzas favorábeis a un mundo multipolar deben levar ao mundo, a finais desta década, a un novo escenario político diferente, cun papel decisivo para os BRICS.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página 12, do 1 de marzo de 2022]