A débeda pública e o sistema fiscal como mecanismo de desposesión en América Latina

Francisco Navarro - 12 Dec 2016

A débeda pública como arma de desposesión non só constitúe un mecanismo de transferencia de renda de abaixo cara a arriba, senón que historicamente foi un instrumento realmente poderoso para condicionar e impoñer aos países políticas económicas de corte neoliberal

 Na actualidade, o sistema capitalista ten distintos mecanismos de se apropiar da riqueza xerada, mecanismos que son complementarios á explotación do traballo asalariado. Co obxectivo de recuperar e aumentar a taxa de ganancia, o poder das oligarquías e o dominio no campo ideolóxico, o sistema xera toda unha serie de procesos que tratan de garantir a súa reprodución material e de clase. O xeógrafo David Harvey denominouno como a etapa da desposesión, entendida como unha situación na que se intensifican os mecanismos a través dos cales se espolia o traballador do excedente que logrou reter mediante o seu salario. Así, o capital logra recuperar no ámbito da circulación parte do que se lle escapou no ámbito da produción, que é onde se reparte o excedente.

 As formas de desposesión son múltiplas e cada unha pode ter distintos actores e procedementos. O aumento inducido dos prezos dos produtos necesarios para a vida, os procesos de mercantilización e privatización de servizos públicos universais como a saúde e a educación, os sistemas impositivos regresivos e inxustos, os xuros da débeda pública e privada, o control sobre os medios de comunicación e a cultura, son exemplos destes mecanismos de desposesión sobre os distintos espazos da nosa vida persoal e colectiva, tanto no ámbito material como no político e ideolóxico.

 En cada economía, e en distintos momentos históricos, os mecanismos de desposesión utilizados con máis intensidade varían, polo que é necesario analizalos e sacalos á luz[1]. De feito, cando no libro “A man visíbel do mercado” Pasqualina Curcio debulla rigorosamente as armas económicas utilizadas contra Venezuela, está albiscando os distintos mecanismos de desposesión do benestar material e dereitos de soberanía que as clases dominantes están aplicando sobre as clases populares venezolanas[2].

 Un dos mecanismos de desposesión máis efectivos e máis utilizados é o do endebedamento público en coordinación cun sistema de impostos regresivos. Este instrumento funciona con máis intensidade cando debido á crise xerada polas contradicións intrínsecas da acumulación capitalista, o Estado ve diminuír substancialmente os seus ingresos tanto pola caída da recadación de impostos como pola venda directa de produtos, como é o caso da maioría de países en Latinoamérica coa caída dos prezos das materias primas. Simultaneamente, o Estado pode decidir politicamente aumentar o gasto público para facer fronte ás consecuencias sociais da crise e a reactivación económica. É doado entender que nesta situación un Estado poida incorrer en déficit fiscal e requira financiamento. Esta pode vir do sistema financeiro nacional ou internacional (débeda pública interna ou externa), sabendo que para os países latinoamericanos a primeira adoita ser en moeda nacional e a segunda en dólares, pero que por ambas haberá que pagar un tipo de xuros que vén determinado polos chamados “mercados”[3] coa estimábel colaboración das axencias de cualificación (...).

 Estas taxas de xuros son especialmente altas para América Latina e a súa determinación non se corresponde nin co nivel de endebedamento público (un 34,7% en 2015, moi inferior ao dos países centrais e que teñen taxas de xuros moito máis favorábeis), nin coas cifras macroeconómicas de crecemento, nin coa capacidade e o cumprimento dos pagamentos[5]. Estes elevados tipos de xuros correspóndense coa correlación de forzas existentes no sistema financeiro internacional e que sitúa a Latinoamérica nunha situación xeoeconómica debilitada e fráxil fronte aos movementos financeiros especulativos. Máis adiante volverei a este punto.

 Toda esta situación descrita intensifica o crecemento da débeda pública, para o pagamento da cal terán que destinarse cada vez unha maior cantidade de recursos públicos presentes[6] e futuros. En última instancia, estes recursos obtéñense a través dos impostos e da venda, principalmente, de materias primas. Noutras palabras, esta débeda pública son dereitos que o sistema financeiro ten sobre a riqueza presente e futura da economía real. Por unha banda, sobre o valor creado polos traballadores que terán que dedicar parte da súa xornada de traballo futura a pagar uns impostos que servirán para cumprir coas obrigas da débeda. E, doutra banda, é un dereito sobre os recursos naturais do país que serán vendidos para facer efectiva esta obriga.

 É así como a débeda pública se converte nun mecanismo moi eficiente de transferencia de renda e riqueza da poboación ao capital financeiro. Este mecanismo de redistribución a favor do capital é máis eficiente, e máis inxusto socialmente, canto máis regresivo é o sistema tributario, é dicir, canto maior é o esforzo e a participación das clases populares na recadación. O informe da CEPAL sobre o panorama fiscal de América Latina para o 2016 pon de manifesto que o sistema impositivo da rexión se caracteriza pola súa regresividade e por non recadar o que podería, en especial ás rendas máis altas e ao capital: a recadación impositiva na rexión non chega ao 19% do PIB (moi lonxe do 35% de media dos países da OCDE), o groso desta recadación recae en impostos indirectos supoñendo un maior esforzo para as clases populares[7], os impostos directos non alcanzan un terzo do total recadado sendo moi baixa a taxa media paga polas rendas máis altas (segundo o informe o 10% máis rico paga un 5,4% efectivo), os impostos sobre o beneficio para as grandes empresas son ridículos e cheos de bonificacións, e o imposto sobre o patrimonio, que gravaría ás clases máis acomodadas, é case inexistente.

 Con este panorama queda claro o potencial de desposesión para a poboación da rexión que supón o mecanismo de endebedamento público en coordinación co sistema fiscal latinoamericano. Neste sentido, paga a pena salientar que durante a actual crise do sistema capitalista o endebedamento da rexión veu protagonizado principalmente por un endebedamento interno na moeda nacional de cada un dos países. Este feito provocou que en pouco máis dunha década o peso da débeda pública interna sobre a débeda pública total pase de supoñer o 35% ao 70% actual[8]. Este feito pon de manifesto que se está producindo un cambio en canto aos actores protagonistas deste mecanismo de desposesión, no que o capital financeiro-bancario dos países da rexión (ou polo menos, filiais da banca internacional que operan en territorio latinoamericano) gañou importancia como receptor desta riqueza desposuída á poboación. Como se puxo de manifesto desde Celag en artigos anteriores, a banca é o gran gañador neste século XXI en América Latina[9].

 Para concluír, hai que ter presente que a débeda pública como arma de desposesión non só constitúe un mecanismo de transferencia de renda de abaixo cara a arriba, senón que historicamente foi un instrumento realmente poderoso para condicionar e impoñer aos países políticas económicas de corte neoliberal, e América Latina ten unha ampla experiencia na materia. Actualmente este instrumento segue máis forte que nunca e debemos volver mencionar o protagonismo neste eido das axencias de cualificación. Axencias cuxas análises están amplamente desacreditadas e que estratexicamente en moitas ocasións responden a factores políticos e intereses do capital financeiro. Isto supón unha desposesión no ámbito da soberanía política dos países e, polo tanto, da súa poboación. Dicía ao comezo deste artigo que a desposesión non se produce exclusivamente no ámbito material da vida humana, senón que ten unha incidencia directa no campo dos dereitos políticos da poboación, que loxicamente, en última instancia, terá un impacto sobre as súas condicións materiais. É imprescindíbel analizar estes procesos na súa totalidade para determinar o alcance dos distintos mecanismos de desposesión que operan na rexión, sacalos á luz e facerlles fronte desde os distintos espazos de loita política.

______________________________________________________________

[1] Nos anos oitenta, o endebedamento externo foi un dos mecanismos de desposesión máis exitosos en Latinoamérica, posto que non só xerou unha transferencia de renda colosal cara ao capital financeiro internacional senón que abriu a porta á intensificación doutros mecanismos como a mercantilización e privatización de servizos públicos e a apropiación da explotación dos recursos naturais polo capital privado.

[2] A autora destaca principalmente catro mecanismos: o desabastecemento programado de bens esenciais, a inflación inducida, o boicot no fornezo de bens de primeira necesidade e o embargo comercial encuberto.

[3] Os mercados son unha armazón de empresas do sector financeiro internacional: bancos, xestoras de fondos de investimento, aseguradoras, fondos de pensións, fondos soberanos, fondos de capital risco, etc. O negocio de todos eles consiste na obtención do máximo beneficio mediante a concesión de empréstitos aos Estados (de todos os niveis territoriais) e empresas pública e privadas.

[4] http://www.celag.org/agencias-descalificadas/

[5] É dabondo coñecido, aínda que sempre cómpre lembralo, que a maioría de dificultades de pagamento da débeda externa dos países latinoamericanos viñeron por factores especulativos e políticos con intereses nos países centrais.

[6] Por exemplo, de acordo co Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo (CADTM) no 2013 Brasil destinou o 42,2% do orzamento público ao pagamento da débeda, Arxentina destinou o 38,4% e Colombia o 24,3%.

[7] Aínda que hai excepcións como Venezuela, Bolivia e Ecuador que se apoiaron máis na riqueza derivada das rendas dos recursos naturais que nos impostos sobre o consumo. No entanto, estes últimos seguen sendo máis importantes que os directos.

[8] Para unha mostra de países de referencia da rexión: Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, México, Perú e Venezuela.

[9] http://www.celag.org/la-banca-y-su-mano-invisible/ e http://www.celag.org/informe-las-ganancias-de-la-banca-privada-en-america-latina/

______________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web CELAG, do 30 de novembro de 2016]