Congreso extraordinario da CTA-A para avaliar a situación política e definir a estratexia de traballo
A Central de Traballadores e Traballadoras da Arxentina Autónoma (CTA-A) celebrou o pasado día 2 de decembro en Bos Aires un Congreso Nacional Extraordinario que, baixo o lema “Construíndo o Poder Popular da Clase Traballadora”, reuniu a 482 congresistas e unha nutrida delegación internacional de diferentes países, entre a que se encontraba a CIG, e representantes de diferentes confederacións sindicais internacionais, a CSA, a CSI e a FSM, ademais de outras organizacións sindicais e sociais arxentinas e personalidades.
O obxectivo do Congreso era analizar a nova situación política na Arxentina, coa derrota electoral de Macri e as súas políticas neoliberais e represivas; a preocupante situación na que deixa o país (cunha débeda co FMI de 46.000 millóns, só en intereses, un nivel alarmante de pobreza, alto nivel de inflación,...) e as perspectivas que se abren, diante dun novo goberno que se presupón progresista. Tamén se trataba de marcar unha estratexia de acción sindical diante deste panorama e o contexto político que se está a dar na rexión e a nivel internacional, e valorar o papel que debemos xogar as organizacións sindicais diante do mesmo.
Entre as conclusións das distintas comisións e do Seminario Internacional no que participou, entre outras, o representante do departamento de Relacións Internacionais da CIG, Xosé Lois Rivera, salientan, na de “Situación da clase, estratexias de unidade e autonomía”, propostas de militantes da CTA e de ATE para que haxa un ámbito real e participativo dos traballadores e traballadoras, non só para os sindicatos gremiais, senón para todos os colectivos ligados ao mundo do traballo.
Demandouse xunto a isto, que haxa acceso á información; que o Estado se faga cargo da capacitación dos/as delegados/as de prevención ou que haxa un ámbito de investigación para os casos como o dos compañeirose compañeiras do Ingenio La Esperanza.
Da comunidad mapuche–tehuelche truxeron, ademais, as loitas que teñen a ver coa igualdade, o feminismo e o “recoñecemento do xenocidio cos pobos orixinarios” e acordouse estudar estratexias respecto a estes temas.
Situación nacional e internacional
Nesta comisión valorouse a necesidade de, unha vez derrotado o neoliberalismo de Macri -aínda que o 40% dos votos que sacou son a ter en conta- definir o posicionamento da CTA-A fronte a un novo goberno heteroxéneo e con fortes condicionamentos por parte do poder. A este respecto, Rivera sinala que parte das e dos congresistas expresaron unha grande esperanza respecto do novo goberno “pero non un cheque en branco”.
Neste sentido, o representante da CIG apunta que malia incidirse na importancia de acompañar a expectativa popular tamén se valorou a importancia de non abandonar a mobilización, nin resignar o pensamento crítico “porque neoliberalismo y neodesarrollismo son dúas caras da mesma moeda”.
Neste sentido, propúxose abordar temas relativos a bens común e extractivismo, denunciando que se “levan a riqueza e os pobos quedan pobres, pasando logo a endebedalos e facelos dependentes”. Por iso concluíron que é necesario “estar atentos/as sobre as medidas de goberno que tomará Fernández en relación aos agronegocios, a megamineiría e o extractivismo”.
Alternativas
Na comisión de “Prioridades da nosa clase: reivindicacións e programas. Alternativas para unha nova orde social e económica desde a perspectiva dos traballadores e traballadoras” subliñouse que na Arxentina non hai un problema de falta de traballo, senón o compromiso político de pagalo.
Neste sentido sinalouse que onde se profundizou a crise “vemos, non só a fame, senón tamén violencia e problemas de adicións. Moita desta xente son xóvenes e nenos/as sen proxectos. É importante xerar accións que inclúan a todos e todas na familia. É importante pensar qué tipo de infancia queremos para pensar qué país desexamos”.
Desde o colectivo de xubilados/as abordáronse as dificultades de coordenar as súas loitas coas de traballadores/as activos/as e solicitaron apoio e unidade nas loitas. Reflexionouse sobre o feito de que, sendo un dos países máis grandes do planeta, e estando na quinta rexión máis rica, o que realmente se produce son “commodities“, non alimentos, que van parar realmente ao agrodiesel, mentres hai cifras preocupantes de fame.
Incidiuse na importancia de traballar sobre a contradicción de capital e traballo, ratificouse a loita contra os tarifazos e denunciouse que “non se pode vivir destinando unha parte tan grande do salario a pago de servizo, é preciso recuperar valores históricos do salario indirecto (subsidios aos servicios)”.
Segundo Plan Cóndor “perfeccionado”
No marco do Congreso extraordinario desenvolveuse un Seminario Internacional baixo o nome de "Paz, Democracia e Dereitos baixo ataque”, no que se debateu un documento elaborado coas organizacións sindicais internacionais, co obxectivo de afortalar estratexias de resistencia na actual fase histórica e onde se denunciou que se está a desenvolver un segundo Plan Cóndor “perfeccionado” en América Latina, que se evidencia na violencia coa que se están a reprimir as mobilizacións en Chile ou en Bolivia.
Desde a CIG valorouse moi positivamente reunir a organizacións de diferentes confederacións sindicais (CSI e FSM), xunto con outras que non están en ningunha delas. Algo que o representante do departamento de Relacións Internacionais considerou impensable no actual panorama sindical europeo.
Coincidiuse ademais coa análise que se fai no documento base presentado e, nese sentido, Rivera afirmou que “o capital e o imperialismo teñen nos últimos anos novos recursos, como os medios de comunicación, a xudicatura e todas as estratexias que esconden detrás do colonialismo e as políticas intervencionistas, por intereses xeoestratéxicos e económicos, pero, tal e como estamos a ver estes días en América Latina, aínda conservan os recursos clásicos, o exército e as forzas represivas”.
Para o representante da CIG o avance en todo o mundo do neoliberalismo, o imperialismo e o fascismo débese “a que grande parte da esquerda política e, en menor medida, de organizaciós sociais (especialmente en Europa), adoptou un papel acomplexado no que a dereita ll emarcou a axenda política e modelou o discurso”.
Deste complexo xurdíron, segundo sinalou “medos a criticar estes modelos de ‘democracias formais’ vixentes en occidente, por consideralo politicamente incorrecto, ou se gardou silencio diante das campañas de desprestixio de gobernos de esquerdas ou revolucionarios, como Cuba ou Venezuela”.
Concluíu que así foron capaces moitos movementos de carácter fascista, xenófobo e machista de entrar en sectores de poboación das clases populares que deberan ser clasicamente defensores ou militantes da esquerda política e social e que tamén se cometeu o erro de deixarse gañar na batalla das ideas, permitindo que a dereita se apropiase de loitas como a feminista ou a ecoloxista, valeirándoas de contido “de clase” que cuestione o modelo económico explotador e extractivista, proprio do capital transnacional, e caendo nun discurso “light” que se puxo de moda, sen centrarse nas verdadeiras causas do cambio climático e nos verdadeiros culpábeis.