A crise que veu para ficar

Emir Sader - 17 Feb 2016

A crise actual na economía internacional, iniciada en 2008 no centro do sistema capitalista, non ten prazo para rematar. Xera desconcerto, esgotamento de argumentos e fórmulas, taxas de xuros negativas e taxas de xuros estratosféricas -ninguén sabe máis como reaccionar, nada se resolve-. É xa coma se a crise recesiva estivese naturalizada.

 Porque en verdade non se trata dunha crise conxuntural, aínda que prolongada, na que o mesmo mercado, depurándose dos máis fráxiles, recompón a economía para volver a un ciclo expansivo. Trátase dun longo ciclo recesivo no que o capitalismo internacional entrou cando se esgotou o longo ciclo expansivo da segunda posguerra, ao redor das décadas de 1970/1980, no que segue.

 Ademais dos ciclos curtos, caracterizados por Marx, como típicos do proceso de acumulación de capital, o economista ruso Nicolas Kondratieff agrupou a eses ciclos en conxuntos, algúns con tendencia expansiva, outros con tendencia recesiva, chamándoos ciclos longos.

 O ciclo longo da segunda posguerra até arredor dos anos 1970/1980 do século pasado foi un ciclo longo expansivo, a idade de ouro do capitalismo, segundo Eric Hobsbawn. Crecían virtuosamente todos os principais sectores da economía mundial: Estados Unidos, Alemaña, Xapón, América latina (Arxentina, México, Brasil, principalmente), o campo socialista. Foi un ciclo longo en que o sector hexemónico na economía foi o das grandes corporacións industriais monopólicas internacionais, onde a industria automotriz foi o modelo máis característico.

 Cando ese ciclo se esgotou, veu o debate sobre as súas causas e como superalas. Triunfou o diagnóstico neoliberal, coa súa proposta de desregulación e libre comercio, menos Estado e máis mercado, menos dereitos e máis mercantilización. Como resultado, desprazouse o eixe do proceso de acumulación cara ao capital financeiro, baixo a súa forma especulativa. Porque o capital busca realizarse onde ten máis ganancias, en prazos máis curtos e con menor tributación.

 O rol hexemónico do capital financeiro explica que se trate dun ciclo longo recesivo, porque a especulación non xera nin bens nin empregos, vive da compra e venda de papeis e do endebedamento de gobernos, empresas e persoas.

 A crise recesiva pronunciada iniciada en 2008 é apenas a expresión deses factores. Desde que se iniciou o ciclo longo recesivo, cando as economías centrais do capitalismo crecen, é a niveis incomparabelmente máis baixos que os do ciclo anterior. As economías que están fóra dese ton son as de China, de India e dos países posneoliberais de América latina, que aínda así pasaron a sufrir os efectos da recesión internacional xeneralizada.

 É unha recesión estrutural, característica deste ciclo histórico e do cal non hai prazos de saída. Ao contrario dos outros ciclos longos que, agrupados, tendían a durar máis ou menos 25 anos. Este xa dura bastante máis que iso, pero non se enxergan elementos da súa superación. Unha vez establecida a desregulación e a libre circulación de capitais, non hai forma de retornar a modalidades de regulación. É coma se o conxunto do sistema fose arrastrado pola lóxica da especulación financeira, sen formas de contela.

 En 2008, cando irrompeu a profunda e prolongada recesión actual, Obama afirmou que habería que “salvar os bancos”, caso contrario o teito caería sobre a cabeza de todos. Os bancos foron rescatados, están mais fortes que nunca, mentres que son os países os que crebaron -Grecia, Irlanda, Portugal, o Estado español, Italia-.

 Hai polo tanto que convivir con ese ciclo longo recesivo, buscando, mediante mecanismos como os Brics e o seu Banco de Desenvolvemento, formas de resistir ás fortes tendencias recesivas producidas e reproducidas no centro do sistema. Ao mesmo tempo, en Europa comezan a xurdir forzas que se opoñen ás políticas de axuste, forma que asume o ciclo longo recesivo nese continente. Da alianza entre os Brics -incluíndo os gobernos progresistas de América latina- e as forzas novas de Europa, é que pode xurdir un horizonte político de superación do longo ciclo recesivo do capitalismo.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino ’Página12’, do 17 de febreiro de 2016]