A crise non resolta do capital e a ofensiva da ultradereita

Julio C. Gambina - 09 Out 2024

A emerxencia da ultradereita expresa a desesperación do poder global ante a crise, tal como hai un século se manifestou coa emerxencia do fascismo. Hoxe adquire formatos en desenvolvemento, cuxas consecuencias aínda cómpre considerarmos, pero asociadas a un clima de guerra e militarización

 Todos os informes sobre a situación contemporánea do capitalismo son de crise, expresada na retardación do crecemento económico, con ameazas de recesión produtiva. É o que xorde dos informes do FMI, do Banco Mundial ou de calquera organismo internacional, a UNCTAD ou a OMC, mesmo de consultoras privadas. É máis, a retardación non é maior polo crecemento que presentan China e a India, territorio que en conxunto alberga a terzo da poboación mundial.

 O crecemento de China e de India é tamén menor aos ritmos que presentaban antes da crise capitalista do 2007/09, pero manteñen un índice superior á media da economía capitalista mundial. O mercado mundial ampliouse coa expansión económica destes países e outros chamados “emerxentes”, sostendo a ilusión dunha superación ou postergación dunha crise recesiva no capitalismo desenvolvido. Na base do problema están os límites das propostas de liberalización sustentadas á saída da crise de rendibilidade dos 60/70. Por iso, a ofensiva liberalizadora dos 80/90, e máis aínda coa crise do 2007/09 reabriu un debate e accións dun reordenamento das relacións económicos sociais no ámbito mundial.

 En primeiro lugar, debátese acerca da relación entre o capital e o traballo e se na ofensiva capitalista á saída da crise de rendibilidade dos 60/70 do século pasado o capital instalou como proxecto esencial a eliminación das conquistas obreiras, sindicais dunha loita de máis dun século do movemento obreiro, con secuelas de baixa de ingresos salariais, flexibilización e precarización laboral e salarial, agora poténciase o obxectivo por subordinar a traballadores e traballadores en todo o planeta. Todo co fin de restabelecer taxas de beneficios e no posíbel relanzar o proceso global de explotación.

 Tamén se trata de modificar a función do Estado, por iso as reaccionarias reformas estatais que percorren o sistema mundial, con privatizacións e desregulacións, en contra dos dereitos sociais conquistados na loita para colocar o Estado capitalista ao servizo da recomposición da acumulación de ganancias. As relacións internacionais son parte deses cambios e maniféstanse na novidade que supón o papel da acumulación produtiva en China e outros países que disputan a organización da produción mundial e as respostas agresivas de sancións unilaterais dos Estados Unidos (EUA) e os seus aliados globais, especialmente Europa. O que hai é unha crise da orde mundial emerxente á saída da segunda guerra mundial. Mostrou os seus límites a orde de 1945 e o conxunto do seu institucionais, sexa a ONU, o FMI e os organismos internacionais, como a hexemonía do dólar e os EUA, sostida polo peso de extensión militar con bases en gran parte do territorio mundial.

 Por iso, o novo é a reorganización dun sistema mundial que, durante catro décadas, entre 1980 e 2020, funcionou en perspectiva de mundialización, baixo o estímulo a cadeas mundiais de valor dirixidas polo capital transnacional. e que agora se reorganiza en sistemas de produción e circulación rexionais, con pretensión de se sustentar en novas articulacións globais, as que seguen limitadas polas restricións que impón a hexemonía capitalista. A crítica ao capitalismo contemporáneo exixe estudar con precisión estas tendencias e describir as perspectivas de orientacións a contramán da lóxica mercantil monetaria do capitalismo no século XXI. Unha deriva da nova situación do capitalismo no mundo devén do momento político de emerxencia e visibilidade da ultradereita na disputa da xestión da orde capitalista.

 É o que ocorre co papel de Trump desde 2016, a orientación inglesa polo Brexit, a presenza dos Bolsonaro, as Meloni ou os Milei. A emerxencia da ultradereita expresa a desesperación do poder global ante a crise, tal como hai un século se manifestou coa emerxencia do fascismo. Hoxe adquire formatos en desenvolvemento, cuxas consecuencias aínda cómpre considerarmos, pero asociadas a un clima de guerra e militarización, como acontece en Europa ou no xenocidio de Israel sobre Gaza ou a invasión ao Líbano e a involucración crecente de potencias nucleares en conflitos con resultados imprevisíbel.

 A crise capitalista está na base dos problemas do noso tempo. Como se supera a crise? Depende das iniciativas en xogo. Por unha banda, está a ultradereita e en contraposición proxectos políticos que insisten en que o capitalismo é reformábel desde o seu interior. Doutra banda, quizais teña razón Milei cando denuncia que o problema é entre o capitalismo e o socialismo, o que promove unha recreación da estratexia socialista en momentos de descrédito da proposta, derivado da caída da URSS e o leste de Europa.

 En definitiva, a creación dunha sociedade non sustentada na explotación ou o saqueo dos bens comúns segue a ser unha materia pendente da humanidade. Trátase dun debate político-cultural que paira nas discusións de variados ámbitos do movemento popular e que leva a debater ao redor das alternativas á orde capitalista en crise.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 4 de outubro de 2024]