A crise do capitalismo global e a marcha de Trump cara á guerra

William I. Robinson - 31 Mai 2017

A transferencia da riqueza desde os traballadores ao capital constrinxe aínda máis o mercado, mentres o consumo financiado polo cada vez maior endebedamento e a especulación aumenta a fenda entre a economía produtiva e o “capital ficticio”

A discreta escalada da intervención norteamericana no Medio Oriente nas últimas semanas chega nun momento en que o réxime de Trump enfronta unha crecente escándalo sobre a presunta inxerencia rusa na súa campaña electoral de 2016, ademais dos índices historicamente máis baixos de aprobación para un presidente entrante e unha resistencia cada vez maior entre a poboación. Os gobernantes estadounidenses con frecuencia lanzaron aventuras militares no exterior para desviar a atención das crises políticas e os problemas de lexitimidade no seu enxoval.

 Alén da intervención en Siria, Iraq, e Afganistán, Trump propuxo un incremento de 55.000 millóns de dólares no orzamento do Pentágono. Ameazou con utilizar a forza militar en varios polvoríns arredor do mundo, incluíndo Siria, Irán ou o Sueste Asia, o flanco oriental da OTAN con Rusia, e na Península de Corea. Na medida que xurdan centros competidores de poder no sistema internacional, calquera aventura militar podería desembocar nunha conflagración global con consecuencias devastadoras para a humanidade.

 Os xornalistas e comentaristas políticos centraron a súa atención na análise xeo-política no seu esforzo por explicar as crecentes tensións internacionais. Por moi importante que sexa este enfoque, hai profundas dinámicas estruturais no sistema de capitalismo mundial que empurran os grupos gobernantes cara á guerra. A crise do capitalismo global vénse intensificando, malia o optimismo dos economistas tradicionais e a elites mareados por índices recentes de crecemento e a repentina inflación dos prezos das accións a raíz da elección de Trump. En particular, o sistema enfronta unha insolúbel crise da sobreacumulación e da lexitimidade.

 A crise actual, máis que cíclica, é estrutural, o que quere dicir que a única solución é unha reestruturación do sistema. A crise estrutural dos anos 1930 foi resolta mediante un novo tipo de capitalismo redistributivo, ou sexa, a socialdemocracia, o keynesianismo, e o corporativismo. O capital respondeu á crise estrutural dos anos 1970 con globalizarse. A emerxente clase capitalista transnacional (CCT) emprendeu unha vasta reestruturación neoliberal, liberalización comercial, e integración da economía mundial.

 A globalización facilitou un boom na economía global en ultímaa década do século XX na medida que os ex-países socialistas se integraron ao mercado global e o capital transnacional, liberado do estado-nación, emprendeu unha enorme rolda de refugallos e de acumulación a nivel mundial. A CCT descargou os excedentes anteriormente acumulados e renovou a xeración de ganancias no emerxente sistema globalizado de produción e finanzas mediante a adquisición dos bens privatizados, a extensión dos investimentos na minaría e a agro-industria a raíz do refugallo de centenares de miles de persoas do campo no antigo Terceiro Mundo, e unha nova vaga de expansión industrial asistido pola revolución na Tecnoloxía da Informática e a Computación.

 Porén, a globalización capitalista deu lugar a unha polarización social mundial sen precedentes. A axencia de desenvolvemento británico Oxfam informa que apenas o 1 por cento da humanidade posúe a metade da riqueza do mundo e o 20 por cento controla o 95 por cento desa riqueza, mentres o restante 80 por cento ten que se conformar con apenas o 5 por cento.

 Dada esta extrema polarización dos ingresos e a riqueza, o mercado global non pode absorber a produción da economía global. O colapso financeiro de 2008 marcou o arrinque dunha nova crise estrutural da sobreacumulación, o que se refire a que o capital acumulado non pode atopar saídas rendíbeis para o reinvestimento de ganancias. Os datos para 2010 indican, por exemplo, que as compañías estadounidenses contaban nese ano con 1.8 billóns de dólares en efectivo non investido. As ganancias corporativas rexistraron niveis case record ao mesmo tempo que o investimento corporativa declinou.

 Na medida que se vai acumulando este capital non investido, medran enormes presións para atopar saídas rendíbeis para o excedente. Os grupos capitalistas, e nomeadamente o capital financeiro transnacional, presionan sobre os estados para crear novas oportunidades para o investimento rendíbel. Os estados neoliberais recorreron a catro mecanismos en anos recentes para axudar á CCT a descargar o excedente e soster a acumulación fronte ao estancamento.

 Un é o asalto e o saqueo aos orzamentos públicos. As finanzas publicas foron reconfiguradas mediante a austeridade, os rescates ás corporacións, os subsidios estatais ao capital, o endebedamento estatal, e o mercado global de bonos, todo o que resulta na transferencia directa e indirecta por parte dos gobernos da riqueza, desde a clases laborais á CCT.

 Un segundo mecanismo é a expansión do crédito aos consumidores e os gobernos, sobre todo nos países ricos, para soster o consumo. En Estados Unidos, por exemplo, país que foi “o mercado de última instancia” para a economía global, o endebedamento das familias da clase obreira chegou a nivel record para todo o período post Segunda Guerra Mundial. Os fogares norteamericanos tenia unha débeda total en 2016 de 13 billóns de dólares en empréstitos estudantís e automobilísticos, en débeda das tarxetas de crédito, e os hipotecarios. Mentres tanto, o mercado global de bonos -un indicador da débeda gobernamental global- xa pasara en 2011 dos 100 billóns de dólares.

 Un terceiro mecanismo é a frenética especulación financeira. A economía global foi un xigantesco casino para o capital financeiro transnacional, mentres medra cada vez mais a fenda entre a economía produtiva e o “capital ficticio”. O Produto Bruto Mundial, ou o valor total dos bens e servizos producidos a nivel mundial, alcanzou os 75 billóns de dólares en 2015, mentres a especulación soamente en moedas estranxeiras chegou a 5.3 billóns de dólares ao día nese ano e o mercado global de derivados estimouse nuns abraiantes 1.2 trillóns de dólares.

 Estes tres mecanismos poden resolver o problema momentaneamente pero a longo prazo terminan agravando a crise da sobreacumulación. A transferencia da riqueza desde os traballadores ao capital constrinxe aínda máis o mercado, mentres o consumo financiado polo cada vez maior endebedamento e a especulación aumenta a fenda entre a economía produtiva e o “capital ficticio”. O resultado é unha cada vez maior inestabilidade subxacente da economía global. Moitos agora consideran que outro colapso é case inevitábel.

 Porén, hai outro mecanismos que sostén a economía global: a acumulación militarizada. Velaquí unha converxencia da necesidade que ten o sistema para o control social e a necesidade que ten para a acumulación perpetua. As desigualdades sen precedentes só poden ser sostidas polos sistemas cada vez máis expansivos e ubicuos de control social e represión. Pero moi por separadamente das consideracións políticas, a CCT adquiriu un interese creado na guerra, o conflito, e a represión como medio en si da acumulación, incluíndo a aplicación de amplas novas tecnoloxías e unha maior fusión da acumulación privada coa militarización estatal.

 Mentres a guerra e a represión organizada polo estado se privatiza cada vez máis, os intereses dun amplo despregamento de grupos capitalistas cambian o clima político, social, e ideolóxico cara á xeración e o sostemento dos conflitos -tal como no Medio Oriente- e na expansión dos sistemas de guerra, de represión, de vixilancia e de control social. As así chamadas guerras contra as drogas, contra o terrorismo, contra os inmigrantes; a construción de muros fronteirizos, de centros de detención dos inmigrantes e cárceres; a instalación dos sistemas de monitoreo e vixilancia en masa, e a extensión das compañías privadas mercenarias e de seguridade… todo iso se converte en principais fontes para a acumulación e xeración de ganancias.

 O estado norteamericano aproveitouse dos ataques do 11 de setembro de 2001 para militarizar a economía global. O gasto militar estadounidense disparouse, alcanzando billóns de dólares para librar a “guerra contra o terrorismo” e as invasións e ocupacións de Iraq e Afganistán. A “destrución creativa” das guerras funciona para botar leña ás brasas fumegantes dunha economía global estancada. O orzamento do Pentágono subiu nun 91 por cento en termos reais entre 1998 e 2011, e aínda sen incluír as asignacións especiais para Iraq, incrementouse nun 50 por cento en termos reais neste período. Na década de 2001 a 2011, as ganancias da industria militar case se cuadriplicaron. A nivel mundial, o gasto militar medrou nun 50 por cento desde 2006 a 2015, de 1.4 billóns de dólares 2.03 billóns de dólares.

 A vangarda da acumulación na economía real arredor do mundo cambio da Tecnoloxía da Informática e a Computación antes de que se rebentou en 1999-2000 a burbulla da bolsa de valores para este sector (coñecido como “dot-com”), ao novo “complexo militar-seguridade-industrial-financeiro”. Este mesmo complexo á vez integrado ao conglomerado de alta tecnoloxía. Este complexo acumulou enorme poder nos corredores do poder en Washington e noutros centros políticos arredor do mundo. Un emerxente bloque de poder que reúne o complexo financeiro global co complexo militar-seguridade-industrial tendeu a cristalizar a raíz do colapso de 2008. Hai unha perigosa conxugación por volta da acumulación militarizada dos intereses de clase da CCT coa cuestións xeopolíticas e económicas. Canto máis chega a depender a economía global da militarización e o conflito, maior é o impulso cara á guerra e cada vez máis altos os riscos para a humanidade.

 O día seguinte ao triúnfo electoral de Trump, o prezo das accións da empresa “Corrections Corporation of America”, a principal contratista privada para os centros de detención dos inmigrantes en Estados Unidos, disparouse nun 40 por cento, dada a promesa electoral de Trump de deportar os inmigrantes en masa. Os grandes contratistas militares como Raytheon e Lockheed Martin rexistran súbitas alzas nas súas accións cada vez que hai un novo surto do conflito no Medio Oriente. Horas despois de que a mariña norteamericana bombardease Siria con misiles Tomahawk o pasado 6 de abril, o valor das accións de Raytheon subiu nuns mil millóns de dólares. Centenares de firmas privadas arredor do mundo fixeron ofertas para a construción do tristemente célebre muro de Trump na fronteira estadounidense-mexicana.

 Alén da retorica populista, o programa económico de Trump constitúe o neoliberalismo en esteroides. As reducións de impostos corporativos e a acelerada desregulación virá a exacerbar a sobreacumulación e aumentará a propensión do bloque de poder para os conflitos militares. Os militares activos e retirados que controlan a maquinaria norteamericana de guerra ocupan numerosos postos no réxime de Trump e gozan de cada vez maior autonomía de acción. Porén, detrás os réxime de Trump e do Pentágono, a CCT busca soster a acumulación mediante a expansión da militarización, o conflito e a represión. Soamente un contramovemento desde abaixo, e a longo prazo, un programa para redistribuir a riqueza e o poder cara a abaixo, poden contrarrestar a espiral cara a arriba da conflagración internacional.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 31 de maio de 2017]