A crise bancaria e a resposta do Estado capitalista

Julio C. Gambina - 14 Abr 2023

Nesta terceira década do século XXI, a crise bancaria evidencia os límites do capitalismo contemporáneo e desafía o Estado capitalista a novas enxeñarías de rescate, que deberán ser confrontadas pola loita e organización popular

I – A crise bancaria

 O fenómeno da crise bancaria fíxose visíbel coas recentes caídas dalgúns bancos rexionais estadounidenses, caso de Silicon Valley Bank, o Signature Bank e o Silvergate Capital.

 A eles sumouse a crise do Credit Suisse e a súa absorción polo UBS, estendendo o problema a Suíza e a Europa, nada menos que coas perdas de valorización do Deustche Bank.

 Nese marco, os Estados do capitalismo desenvolvido saíron a manter con achegas e empréstitos as necesidades da banca en problemas.

 Xunto ao Estado, outra banca privada fixo o propio, caso do First Republic Bank que foi asistido por un conxunto de bancos como o Bank of America, JPMorgan, Goldman Sachs, entre outros grandes, pola suma de 30 mil millóns de dólares.

 As principais autoridades das bancas centrais, dos Estados Unidos (EUA) e de Europa responderon de inmediato con disposicións orientadas ao rescate do sistema financeiro.

 Para o caso estadounidense, aínda que a lexislación contemplaba a devolución de fondos depositados até 250.000 dólares, unha suma significativa, ante a bancarrota e o pánico bancario, as autoridades económicas e financiases cambiaron as disposicións para asegurar que todos os depositantes recibirían os seus depósitos.

 Tratouse dunha medida excepcional que atende a demanda dos sectores de maior concentración de ingresos e de riqueza.

 Non é posíbel atopar unha medida semellante para atender a vulnerabilidade da pobreza ou a indixencia nos países capitalistas desenvolvidos, o que fai evidente o papel do Estado capitalista como sostén dos intereses do capital concentrado.

 A crise bancaria evidencia a preocupación do poder político nos principais países do capitalismo mundial.

 Non só se trata da banca central, supostamente autónoma do poder político, senón e nomeadamente, dos gobernos, que son a expresión do poder substancial no réxime do capital. Política e economía articúlanse como un todo na definición do rumbo da orde socioeconómica capitalista.

 É máis, a Reserva Federal asustouse e dubidou en continuar coa súa lóxica de aumento das taxas, pero decidiu manter a ortodoxia liberal, cunha tendencia á diminución da alza das taxas e augurando unha diminución da perspectiva de crecemento económico, ao 0,4% para este ano e unha perspectiva menos optimista de redución da inflación cara ao 2025.

II – A crise do capital

 En rigor, o esencial é o que está detrás do fenómeno que expresan as quebras bancarias e os rescates estatais. Nese sentido, valen consideracións históricas e da lóxica e dinámica da orde capitalista.

II.1 – Unha ollada retrospectiva

 Desde o histórico, hai que se remitir ao 2008 e ao 2001 estadounidense. En efecto, a crise das “punto.com” lévanos ao período 1998/2001, cando o imaxinario da ofensiva liberalizadora auguraba un tempo anovado coa “nova economía” en desenvolvemento desde Seattle.

 Foi o movemento popular mobilizado en 1999, na batalla de Seattle, quen impediu a realización da “cimeira do milenio” da OMC.

 Con ese antecedente, obstaculizouse a iniciativa do poder até despois dos episodios de setembro do 2001 en Nova York. Entón, si, en novembro do 2001 volveuse ás rutinas dos conclaves mundiais para tentar a institucionalización da liberalización.

 Era o final do século XX o momento de máxima acumulación do poder capitalista, que anunciaba un terceiro milenio para a liberalización e o dominio inobxectábel do capitalismo. Eran tempos dunha década da desfeita do “socialismo real”.

 Claro que tamén se iniciaba un tempo de expectativas de mudanza política na rexión latinoamericana e caribeña, con restabelecemento dunha proposta socialista e un conxunto de programas derivados dunha integración non subordinada que tiñan a Cuba como estandarte da condición de posibilidade de confrontar coa orde capitalista.

 A rexión constituía unha vidreira de esperanza para o mundo subordinado á lóxica capitalista.

 Reitero nas consideracións históricas, porque ante a imaxinación dunha “nova economía” no capitalismo contra 1999, coa dixitalización e a revolución científico-técnica detrás, o que emerxía era a resistencia popular e a potencia dunha nova institucionalidade “nuestramericana” que desafiaba a lóxica da hexemonía capitalista.

 A resposta da dominación estadounidense contra 2001 orientouse nunha fuga cara a adiante, estimulando o crédito público e privado, dos estados, as empresas e as familias, que desembocou na crise hipotecaria do 2007, base e fundamento da crise bancaria e financeira do 2008 e a caída de Lehman Brothers, episodio que decidiu á Reserva Federal e ao Tesouro de EEUU a xeneralizar o rescate do sistema financeiro sen escatimar custos, ou consecuencias segundo a lóxica liberal e monetarista.

 Se no 2001 o rescate foi a emisión xigantesca de débeda, no 2008, a solución proveu dunha inmensa emisión monetaria. Contrario a todo predicamento liberal, non houbo freo nin atranco a unha inmensa emisión de débeda e de diñeiro para o rescate da orde capitalista.

 Ao mesmo tempo estendeuse a represión e a militarización da sociedade mundial. Os orzamentos de gastos militares non deixaron de incrementarse no novo século, desandando toda prédica emerxente de comezos dos 90 e relativa ao final da historia.

 Non foi a paz a que se estendeu despois do desastre do socialismo en Europa. Todo o contrario, e resulta evidente coa extensión territorial da OTAN e o seu compromiso na asistencia a Ucraína.

 En Nuestramérica, é evidente a actuación imperialista asociada ás dereitas tradicionais e ás novas dereitas para reverter as dinámicas políticas de cambio da primeira década do século, para posibilitar a recreación de proxectos políticos comprometidos coa orientación restauradora do poder tradicional capitalista na rexión.

 A crise actual remite, polo tanto, a 2008 e as propostas de solución entón asumidas, tanto como á crise do 2001 estadounidense e os seus rumbos de saída.

II.2 A lei do valor actúa na realidade

 Pero, máis aló das consideracións históricas, cómpre sinalar os límites para a expansión do réxime do capital, ou sexa, as dificultades no proceso de valorización e acumulación capitalista.

 O feito da disputa pola hexemonía da orde mundial é expresión dos problemas do imperialismo estadounidense. O dato a ter en conta é a transnacionalización do capital, que supón décadas de investimentos máis aló dos territorios de orixe deses capitais. É un dos eixos considerados por Lenin ao estudar o fenómeno do imperialismo, mais é tamén a explicación da resposta Trump (2026-2020) baixo a lema America First. Era expresión dunha pretensión para reverter a dinámica de saída de capitais estadounidenses cara ao exterior, particularmente cara a China, proceso materializado desde a modernización do xigante asiático desde 1978.

 Unha modernización que actuou como fenómeno de mundialización da lei do valor, de estímulo á sociedade monetario mercantil. A lei do valor ábrese paso máis aló de calquera teorización e política de Estado.

 Máis aló da vontade política do gobernante ianqui, a realidade da transnacionalización do capital, sustentada na internacionalización da produción, pon de manifesto novos territorios da expansión do capital.

 É o que algúns denominan a “emerxencia capitalista” contemporánea, cara a China, A India, mesmo Brasil e outros países de Asia ou outros territorios do planeta.

 A crise do capital está nos problemas da valorización de capitais e na ampliación da produtividade nos territorios tradicionais da acumulación capitalista por séculos.

 Remito á acumulación orixinaria descrita por Marx en territorio europeo, seguida pola dinámica das “novas” potencias do capitalismo mundial, Alemaña e os EUA, segundo Lenin no seu estudo sobre o imperialismo, e, abofé, á emerxencia do desafío á hexemonía que hoxe expresa China.

 Asistimos a tempos de mutación das relacións económico-sociais no marco do desenvolvemento capitalista, polo que existe unha relativa desorde e unha procura dun novo ordenamento das relacións capitalistas.

III – Desorde e procura dunha nova orde

 Neste sentido, a dinámica contemporánea da orde capitalista preséntase como desorde recorrente, coa pandemia desde o 2020 ou a ameaza da súa continuidade ou emerxencia de novas pandemias, tanto como a realidade dun proceso de guerra desde 2022 que escala con ameazas nucleares.

 Unha desorde que trae aparellados fenómenos coa combinación de inflación con recesión. Prezos que soben como resultado dunha lei do valor dificultada por atrancos á circulación derivados de unilaterais sancións impostas polos EUA e os seus socios globais, pero tamén obstaculizando as cadeas de valor, encarecendo procesos produtivos e de circulación e contribuíndo a unha lóxica buscada de recesión.

 O Estado capitalista opera na solución á lóxica da valorización e da lei do valor, xa que o que importa é a taxa de ganancia e a acumulación.

 Ante a tendencia decrecente da taxa de ganancia e as dificultades para o crecemento da produtividade do traballo, o Estado capitalista de cada país tenta soster políticas monetarias e fiscais que apontoen a lóxica capitalista.

 Por iso en 2001 avalouse a emisión de débeda, en 2008 a emisión monetaria e en 2023 ampliouse a garantía sobre os depósitos ante bancos en quebra, é dicir, todo o que faga falta para o rescate dunha orde en crise, onde a pugna pola dominación resulta evidente.

 O problema é que se trata dunha orde social, contraditoria e, polo tanto, non só conta a iniciativa do poder, económico, político, militar, ideolóxico, senón tamén necesita incluírse a iniciativa dos sectores explotados, excluídos, oprimidos, porque en definitiva, trátase de loita de clases.

 Así como o movemento contra a globalización capitalista se fixo evidente nos tempos da crise entre 1997-2001; a acumulación das propostas de cambio político en varias rexións do mundo contra a primeira década do século XXI mostrou os límites da proposta liberalizadora do poder, evidenciando o carácter histórico e temporal da orde e a hexemonía capitalista. En todo caso, exacerbaron a ofensiva do capital por todos os medios posíbeis para reverter calquera tendencia ao cambio substancial da orde vixente.

 Nesta terceira década do século XXI, a crise bancaria evidencia os límites do capitalismo contemporáneo e desafía o Estado capitalista a novas enxeñarías de rescate, que deberán ser confrontadas pola loita e organización popular. O problema a resolver é a construción neste tempo histórico dunha alternativa estratéxica en contra e máis aló do capitalismo, que poida superar a defensiva logo de medio século de ofensiva capitalista.

 

[Artigo tirado do sitio web arxentino FISYP, do 1 de abril de 2023]