A Coordinadora Eólica Así Non! en defensa da pesca e dos ecosistemas mariños
A Coordinadora “Eólica, Así Non”, nacida hai máis de dous anos e integrada por máis de dous centos de entidades sociais do ámbito do ecoloxismo, o sindicalismo, os montes veciñais, as plataformas veciñais de afectados, asociacións de viciños, entre outras, ante a aprobación dos POEM polo Consello de Ministras e Ministros manifestamos o seguinte:
1.- O noso apoio á Plataforma en defensa da pesca e os ecosistemas mariños, ao chamado Manifesto de Burela e a declaración realizada o pasado 1 de marzo desde a lonxa de A Coruña.
2.- Facemos noso o calendario de mobilizacións acordado e chamamos a participar na mobilización que o colectivo ten convocada na Coruña para o sábado 11 de marzo, de 12:00 a 13:00 horas, diante da Delegación do Goberno (Praza de Ourense), en demanda da retirada do Real Decreto, que se respecte a actividade pesqueira e os ecosistemas e que se traballe a todos os niveis para dispoñer da información máis axustada para acometer a ordenación dos espazos mariños.
3.- Defendemos unha Galiza libre de eólica mariña e a retirada polo Goberno español do POEM aprobado no Consello de Ministros porque a preservación dos caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos mariños están en perigo.
Os proxectos de implantación de enerxía eólica mariña non son compatíbeis cos usos tradicionais da nosa costa, co mantemento da actividade pesqueira ou coa preservación da biodiversidade dos ecosistemas mariños, tendo en conta que estes macropolígonos están proxectados nos nosos caladoiros de pesca e producen cambios na temperatura da auga, desprenden enerxía electromagnética e cambios nas correntes mariñas. Ademais, a costa galega tamén é un santuario ecolóxico para os cetáceos e as aves, ao pasar por riba da costa galega, especialmente da Estaca de Bares o embude migratorio das aves de maior importancia para Europa e para o mundo.
4.- Denunciamos o actual modelo de implantación de enerxías renovábeis carece dun desenvolvemento ordenado, racional ou planificado, e non obedece ás necesidades do país nen respecta ás persoas nen o medio ambiente.
A actual invasión eólica en terra, e agora no mar, reforza a concentración do poder da produción e da distribución de electricidade en mans de multinacionais foráneas da enerxía que se lucran a custo de espoliar o territorio e asoballar o pobo galego. A nova vaga eólica que se leva artellando nos últimos dous anos e medio consolida o papel de Galiza como colonia enerxética do Estado e de Europa, poñéndoa ao servizo das grandes elites económicas, e expulsando aos galegos e galegas de calquera decisión que teña a ver co aproveitamento dos seus recursos.
- Dereito a unha enerxía compatíbel coa soberanía alimentaria.
A invasión eólica en marcha compromete o dereito dos galegos e galegas de acadar a
soberanía alimentaria. A pesca, a agricultura ou a multifuncionalidade dos montes son as únicas que poden afianzar a seguridade alimentaria do país e as que xeran maior número de postos de traballo directos e indirectos, ademais de contribuír a fixar poboación nos concellos costeiros e rurais.