A coordinadora das auxiliares de Alcoa acorda non participar na mesa de seguimento e aposta pola mobilización
A Plataforma coordinadora do persoal das auxiliares de Alcoa San Cibrao mantivo unha reunión na tarde deste luns na que acordou non solicitar a súa presenza na mesa de seguimento convocada polo Goberno español, malia ter dereito a participar neste foro ao representar a 800 traballadores e traballadoras, por entender “que non é máis que unha xuntanza de blanqueamento político para o PSOE, na cal pouco ou nada se arranxará”.
Para o voceiro do colectivo, Kike Rocha (CIG), a solución da tarifa eléctrica non pasa por constituír mesas de seguimento, senón “por tomar decisións políticas e deixar o xogo de trileiros”. Denuncia que nin o PP nin o PSOE tomaron as medidas que permitiran regular unha tarifa eléctrica estábel, predicíbel e competitiva e que recoñeza o estatuto específico da industria con grandes consumos enerxéticos e foi precisamente esa inacción a que nos levou á situación actual de incerteza para miles de empregos e a posta en risco da continuidade da produción.
Porén, si demandarán das forzas políticas que visiten o centro de traballo de San Cibrao “que conten con esta plataforma que é a voz do 50% dos postos directos da planta”.
Xuntanza co comité e mobilizacións
A coordinadora das auxiliares tamén convocará unha xuntanza co comité de Alcoa para o vindeiro martes 7 de xaneiro, co obxectivo de coordinar accións e achegar posturas, baixo a premisa de que o complexo industrial de San Cibrao “conta con arredor de 2000 postos de traballo directos, non só con 1000”.
Nesta liña, Rocha xa avanzou a convocatoria dunha mobilización, con paro laboral de dúas horas, para finais do vindeiro mes.
“Dende que Alcoa se fixo cargo da planta de San Cibrao adicouse a reducir postos de traballos directos para externalizalos. Levando con iso a unha precarización dos postos de traballo, e a unha maior ganancia para a empresa”, asevera a Plataforma, polo que agora, ante un posíbel axuste de persoal, “non podemos ser os traballadores e traballadoras das auxiliares quen sexamos os primeiros en pagar as consecuencias, tal e como xa aconteceu nas plantas de A Coruña e Avilés”.