A Coordinadora das Auxiliares de Endesa-As Pontes reuniuse co comité e co Concello
Unha representación da Coordinadora de Auxiliares de Endesa-As Pontes mantivo o mércores unha reunión co comité de empresa de Endesa e, posteriormente, outra reunión no Concello das Pontes para abordar a situación xerada pola falta de funcionamento da central térmica e o anuncio da multinacional de empezar a dar formación ao seu persoal propio .
Na xuntanza co comité de empresa, explican, este non considerou a situación extremadamente preocupante e informou á representación da Coordinadora que se vai probar a queimar lodos; unha práctica que podería dotar de horas de funcionamento á central. Doutra banda, o comité de Endesa entende que a formación para o persoal interno anunciada pola eléctrica non vai afectar ao traballo das compañías auxiliares.
Encontro no Concello das Pontes
"Menos optimista é a visión dos grupos municipais", valora nun comunicado a Coordinadora, pois entenden que a mestura do carbón con outros materiais, de ser viábel a nivel técnico e administrativo, non vai ser unha solución a curto prazo. Segundo informaron dende a Corporación local, polas conversas mantidas coa dirección de Endesa, o futuro das auxiliares atópase nunha situación complicada, "xa que a empresa di que se non ten traballo para o seu persoal propio máis difícil o vai ter para as auxiliares".
Dende o Concello comunicaron tamén que teñen solicitada unha reunión á Xunta e ofreceron a participación dunha representación das auxiliares nesa reunión. Por último, quedouse en estudar a posibilidade de crear unha comisión político-sindical, "que represente ao conxunto do pobo nesta crise".
Reunión con Endesa
Así mesmo, a Coordinadora das Auxiliares recibiu contestación por parte da dirección de Endesa, a petición dunha reunión, que quedou fixada para o vindeiro martes, día 30, ás 12 h. na oficinas da central.