A contratación en Servizos pola Semana Santa deixa o menor descenso do paro nos últimos anos en marzo
O aumento da contratación ligada ao sector Servizos de cara á campaña de Semana Santa provocou o menor descenso do paro rexistrado nos últimos anos no mes de marzo en Galiza, que contabiliza na actualidade un total de 153.336 persoas anotadas como desempregadas no SEPE. Ao mesmo tempo, a parcialidade do traballo disparouse neste período como consecuencia da nova reforma laboral, polo que o persoal con contrato indefinido non ten posibilidade de ingresar o salario completo, o que se traduce non incremento da precariedade laboral.
O descenso do desemprego no noso país atinxiu a 1173 con respecto ao mes anterior, o que equivale a unha redución do 0,76%. Na media estatal a baixada foi do 0,09%, polo que o número total de persoas paradas é de 3.108.763. Trátase dunha evolución neste período, no que o desemprego redúcese en maior ou menor medida segundo posición que ocupe a Semana Santa no calendario anual. Nesta ocasión o descenso rexistrado foi o máis cativo dos últimos anos.
Os datos amosan que a baixada máis acusada -con máis de 1000 persoas- foi no sector servizos. Trátase de empregos estacionais vinculados á proximidade da campaña da Semana Santa, de igual xeito que acontecera durante o Nadal. Nesta ocasión, o período transitorio da reforma laboral -que permite contratar até o 1 de abril baixo a normativa anterior- fixo que as empresas aproveitasen para incorporar persoal no mes de marzo da cara á Semana Santa.
O resto de sectores rexistraron caídas moi leves, aumentando incluso o número de persoas que se incorporan por primeira vez ao SEPE como demandantes de emprego. Por provincias, o mellor comportamento experimentouno a da Coruña, cun descenso do paro do 1,32%, evolución que conseguiu maquillar uns resultados que se completaron con pequenos descensos na de Lugo e na de Pontevedra. Na provincia de Ourense, pola contra, o desemprego medrou un 0,89%.
Ao mesmo tempo, esta raquítica baixada do desemprego no conxunto do país favoreceu máis aos homes que ás mulleres, xa que se reduciu máis do dobre entre eles. Con esta evolución as mulleres alcanzan o 58% do total das persoas paradas. Para o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, esta tendencia amosa unha realidade moi preocupante “que demostra que volvemos á situación anterior e evidencia que as mulleres traballadoras volven ser as máis castigadas nesta nova crise”.
Por idades, a evolución do desemprego foi bastante desigual. En termos absolutos onde máis descendeu foi entre as persoas con máis de 45 anos; aínda así, as maiores de 45 anos representan o 57,2% do total de persoas paradas. Entre as máis novas, con menos de 25 anos, aumentou. “Isto é así pola inexistencia de políticas publicas encamiñadas a que a xente moza poida ter acceso a un posto de traballo estábel”, denuncia Sío.
De acordo con esta baixada do paro aumentou a afiliación á Seguridade Social en 2311 persoas, o que representa un aumento do 0,23%. O maior incremento rexistrouse na provincia da Coruña, mentres que na de Pontevedra descendeu a afiliación en 400 persoas. “Pode deberse á proliferación de ERTE no sector da automoción e á delicada situación que atravesa a industria”, sinala o responsábel sindical.
Nova forma de precariedade
No que atinxe a contratación, no mes de marzo rexistráronse 70.187 contratos en Galiza, só o 29,3% deles de carácter indefinido. Atendendo á evolución estatal, vemos que a contratación indefinida a tempo parcial multiplicouse por tres, mentres que a fixa-descontinua duplicouse, “o que representa un forte aumento da parcialización do traballo”.
Deste xeito, Sío advirte que a precariedade laboral vai pasar de estar baseada no emprego sen dereitos a centrarse na parcialización do traballo que está a provocar a entrada en vigor da nova reforma laboral, “de forma que o persoal fixo non ten posibilidade de ingresar o salario completo”.