A construtora Proycoga presenta un ERE de extinción para todo o seu persoal

A empresa anunciou a medida despois da FCM-CIG denunciar impagos e abusos laborais
- 08 Set 2025

A construtora coruñesa Proycoga presentou un expediente de regulación de emprego para despedir a todo o seu cadro de persoal. A medida chegou pouco despois da Federación de Construción e Madeira da CIG denunciar publicamente e na autoridade competente a situación de impagos e prácticas laborais, confirmando así a súa inviabilidade, xa que ademais, o mesmo día que formulou o ERE a empresa entrou en concurso de acredores.

Nos últimos meses, a central nacionalista recibiu denuncias de traballadores que levaban tempo sen cobrar con regularidade os seus salarios, chegando a empresa a adebedarlles en agosto cando menos unha nómina e unha paga extraordinaria completas. 

Ademais, segundo a información achegada polo persoal á organización sindical, desde hai tempo estábanse producindo irregularidades laborais como xornadas superiores ao estabelecido sen rexistro nin compensación, cambios nas condicións de traballo sen aviso previo ou a imposición unilateral de períodos de vacacións cando a empresa carecía de carga de traballo.

En determinados casos mesmo se tería indicado a empregados que prestasen servizos noutras compañías sen contrato nin cobertura legal, o que podería encaixar na figura de cesión ilegal de persoal. Algúns destes traballadores aseguraron sentirse presionados a presentar a baixa voluntaria para aforrarlle á empresa ter que despedilos, e a consecuente indemnización.

Finalmente, a construtora presentou un ERE de extinción para todo o cadro de persoal e entrou en situación concursal. A FCM-CIG estará vixilante para que a empresa cumpra con todos os requisitos estabelecidos na normativa de aplicación, abone as contías que lle corresponden aos traballadores e respecte os dereitos laborais.