A construción de Pontevedra, disposta a ir á folga en defensa da suba salarial pactada
O persoal da construción da provincia de Pontevedra está a amosar nas asembleas que organiza a CIG, maioritaria no sector, a súa disposición a convocar folga para reclamar a suba salarial pactada coa patronal provincial no convenio colectivo que o empresariado estatal impugnou xudicialmente.
A central sindical lograra deixar fóra do acordo o plan de pensións privado que as cúpulas patronais e sindicais españolas pretenden impoñer, o que motivou a súa impugnación nos xulgados por parte da patronal estatal. Precisamente a CIG participara na mesa negociadora do plan para demandar que fose voluntario, de xestión pública, con apoio gobernamental para garantir os seus fondos e que as achegas non supuxesen unha redución salarial para o persoal.
Esta ofensiva da patronal estatal fixo decaer un convenio que establecía melloras nas condicións laborais e nos salarios, "polo que lle propuxemos á patronal de Pontevedra a suba de soldos fixada no estatal para o 2024 (2,75%) e un plus a maiores para chegar ao incremento que xa pactaramos e nos tombaron”, sinalan dende a CIG-Construción. Ademais de defender que as aportacións ao plan de pensións dos anos 2022, 2023 e 2024 teñan que correr a cargo das empresas e non dos cadros de persoal. “Pois ben, a patronal ofreceunos única e exclusivamente un pago de 280 euros por traballador/a non consolidábel en táboas, o que consideramos unha auténtica burla”.
Calendario de asembleas
Por iso a central sindical decidiu poñer en marcha un calendario de asembleas para abordar a situación cos traballadores/as do sector na provincia nas que se está a apostar pola convocatoria de folga en defensa das condicións de traballo.
O incremento de soldos proposto pola patronal é unha auténtica burla
“Están atacando o noso convenio, o noso salario, a nosa dignidade; dende 2011 os convenios estatais prevalecen sobre os provinciais, e no caso da construción resérvanse todas as materias importante a tratar; o convenio de Pontevedra ten mellores condicións ca o estatal, pero até o de agora dende Madrid non interferían nos nosos acordos; mais nesta ocasión atopámonos co plan de pensións, que non queren negociar e cuxos fondos pretenden que saian dos nosos petos para seren xestionados dende as cúpulas da patronal e dos sindicatos CCOO e UGT a través da banca privada”.