A Consellería non corrixe o erro na nota media da avaliación da ESO malia ser alertada pola CIG-Ensino
Nin a Relixión nin a materia alternativa, Proxecto Competencial, poden ser tidas en conta “nas convocatorias nas que deban entrar en concorrencia os expedientes académicos, nin cando houbese que acudir a estes a efectos de admisión de alumnado para realizar unha selección entre solicitantes”.
Malia isto, a Consellaría non actualizou o XADE para que fixese automaticamente o cómputo da medida sen ter en conta a materia da Relixión, polo que a única nota que calcula a aplicación informática da administración educativa é contando esa materia (ou Proxecto Competencial, no seu caso). Algo inexplicábel se se ten en conta o tempo co que contaron para adaptar o XADE (2 anos) e a que en Bacharelato si se aplicou este cambio, xerando a aplicación dúas medidas, con e sen a materia de Relixión, para poder empregar esta última a efectos legais.
Efectos legais
Esta situación creada pola Consellería, máis alá da irresponsabilidade e desidia que implica, ten efectos legais á hora de determinar que alumnado ten dereito a unha matrícula de honra ou no proceso de admisión para ciclos medios de FP.
A CIG-Ensino alertou desta incidencia á Consellaría o luns 24 de xuño, o mesmo día no que o profesorado tivo acceso ás medias calculadas polo XADE. O sindicato tamén informou a todos os centros mediante un email xa que tiña constancia de que en moitos non se decataran deste erro.
O martes 25 a CIG-Ensino insistiu para saber se a administración ía enviar unha instrución aos centros a través da Inspección e que previsión temporal tiñan para corrixir a incidencia. Nese mesmo día soubemos que AMTEGA, axencia encargada da xestión do XADE, non tiña ningunha noticia do problema, o que indica que desde a Dirección Xeral de Ordenación non se tomara ningunha medida para reparar o mal causado.
O sindicato non obtivo ningunha resposta desa dirección xeral e o único que se soubo oficiosamente é que o profesorado tería que calcular unha a unha as medias sen Relixión de todo o alumando de 4º da ESO. 72 horas despois desta información “oficiosa” a CIG-Ensino ten constancia de que non houbo por parte da administración ningunha directriz ás direccións e que varios centros contactados trasladan que non fixeron ningún cambio na nota obtida no XADE.
Polo tanto, a irresponsabilidade da Consellaría pode levar, a maiores da incorrecta cualificación de matrícula de honra, a que na baremación para o acceso a ciclos medios de FP non se desbote a nota de Relixión e se adxudiquen incorrectamente prazas para as que a nota media da ESO pode ser determinante.
Desde a CIG-Ensino exiximos da Consellaría unha corrección no menor prazo posíbel da nota media de 4º da ESO para poder obter a media legal e que se garanta que esa nova nota media será a única que se poida empregar alá onde o alumnado compita tendo en conta as cualificacións da ESO.