A Consellaría do Mar paraliza o servizo de Gardacostas en Vigo por falta de efectivos
O servizo de Gardacostas de Galiza en Vigo vese na obriga de paralizar a embarcación Punta da Guía, que combate o furtivismo dende a fronteira con Portugal até a Ría de Aldán, ante a falta de efectivos. O sector de Autonómica da CIG-Administración reclama o desbloqueo inmediato da Oferta Pública de Emprego (OPE) de 2022 para contratar o persoal necesario.
Dende a central sindical denuncian que o cese do único mecánico habilitado para embarcar por ter cumprido tres anos como interino obriga a paralización dunha embarcación financiada con fondos europeos. “O que acontece é consecuencia da parálise da Consellaría do Mar, que fai oídos xordos propostas que a CIG vén poñendo enriba da mesa de forma recorrente”.
Entre elas, o desbloqueo inmediato da OPE de 2022, que contempla 13 prazas de mecánicos/as e 10 prazas de patrón/a; darlle unha solución á situación dos aptos con restricións, habilitando postos para quen estea nesa situación, e a súa substitución mentres dure a restrición; e a dotación urxente de persoal no servizo de Gardacostas que permita cubrir as tripulacións das lanchas mediante patróns e vixiantes-mariñeiros/as das listas de contratación, como paso previo á convocatoria de oposicións”.
Finalmente, a central oponse ao traslado da embarcación Punta da Guía a outra base operativa e insta a Consellaría do Mar a frear o deterioro “lento pero progresivo” do Servizo de Gardacostas, “un servizo público chave para o sector pesqueiro galego”.