A Consellaría de Educación deixa sen cubrir máis do 58% das licenzas por formación do profesorado
A CIG-Ensino vén de denunciar que a administración educativa, logo de non convocar as licenzas por formación no pasado curso e de ofertar 500 meses para este curso, deixou sen outorgar 287 meses.
Por modalidades a distribución das licenzas non autorizadas pola Consellaría é a que segue:
Modalidade 1a: 37 meses de 130 (28,46%)
Modalidade 1b: 65 meses de 170 (38,24%)
Modalidade 2: 118 meses de 130 (90,77%)
Modalidade 3: 67 meses de 70 (95,71%)
O resultado da decisión da administración educativa é que se adxudicara arredor dun 40/% dos meses ofertados, centrándose a cobertura maioritaria nas modalidades 2 e 3. En resposta á petición de aclaracións por parte da CIG-Ensino ante este feito, os cargos educativos indicaron que os proxectos que presenta o profesorado carecen da calidade necesaria e que, en aras da súa responsabilidade, non pode adxudicar os meses.
Para a CIG-Ensino é unha resposta difícil de aceptar, tendo en conta que algún dos proxectos obtiveron unha puntuación dun 11,90 ou dun 11,88 cando a puntuación mínima era de 12 puntos.
Por iso, a CIG-Ensino solicitou que se atendesen as reclamacións aos proxectos, especialmente daqueles tan próximos á puntuación mínima e a administración respondeu ratificándose absolutamente en todas as puntuacións outorgadas inicialmente, desoíndo por completo todas e cada unha das numerosas reclamacións, referidas aos proxectos.
A CIG-Ensino recibiu múltiples consultas arredor deste asunto, que provocou un grande descontento entre o profesorado afectado. “O sentimento que este nos trasladou é o de sentirse menosprezado e enredado por parte da Consellaría que ofrece para logo non dalo; unha tomadura de pelo a un profesorado que se molesta e esforza en preparar o seu proxecto nun final de curso xa de seu abafante de traballo e burocracia”, explica.
Reclamacións a cegas por falta de transparencia na avaliación dos proxectos
Na convocatoria recóllese que "é requisito alcanzar, como mínimo, o 50% da puntuación de cada alínea e un mínimo do 60% do total para poder optar a unha licenza”. Sendo así, explican desde a CIG-Ensino, “parece necesario que se presentara a puntuación desagregada por cada un dos apartados para poder realizar unha reclamación coherente”.
Tal como se ofrece a puntuación na resolución provisional, o profesorado pode reclamar ao seu proxecto pero totalmente a cegas xa quea Consellaría só permite ao profesorado e á representación sindical acceder aos proxectos sen anotacións de ningún tipo. Desta maneira é imposible saber como reclamar porque tampouco se sabe que é o que segundo a comisión de valoración non é correcto ou axeitado. A transparencia que debía caracterizar este proceso selectivo, xa que logo, non existe.
“Como premio de consolación, iso si, a Consellaría ofrece a posibilidade de revisar o proxecto coa persoa correctora unha vez rematado o proceso (é dicir, sen posibilidade de corrixilo para a presente convocatoria) e mesmo di que ofertará un curso para aquelas persoas que queiran aprender a realizar un proxecto. Agardamos por esa convocatoria de curso e tamén agardamos que as persoas que asistan a tales cursos non volvan tropezar cun suspenso en futuras convocatorias”, conclúe.
Nin unha soa licenza para igualdade
Por outro lado, a CIG-Ensino advertiu que hai determinadas temáticas, como é o caso da de igualdade, nas que nin unha soa persoa acadou a licenza para realizar materiais para módulos non existentes desta materia.
O sindicato solicitou que ao lado das persoas que acadaron as licenzas apareza publicado o tema da mesma, en aras da transparencia que debe caracterizar a toda administración pública. Explica que a Consellaría indicou na comisión de valoración que o faría, igual que polos “cursos para realizar proxectos”, e agarda agora por esa publicación. Porén, xa prevé que “non serán de moita utilidade para persoas que presentaron proxecto noutras convocatorias e recibiron unha elevada puntuación, mentres que nesta no acadaron a mínima imprescindible para aprobar”.
Para a CIG-Ensino é “de tremenda inxenuidade crer que os malos proxectos son os causantes de tal desfeita”. Fronte a isto considera que unha vez máis, se aplica un criterio economicista. Nese sentido afirma que “estamos ante unha Consellaría que aplica a mesquindade, como adoita facer cando de mellorar os servizos públicos se trata, cando o curso pasado non convoca licenzas por formación e no presente faino, en vista dos resultados, para acalar protestas e lavar as mans”.
Isto supón que non se crean materiais ben necesarios nin, como consecuencia dos permisos, se chama a novas persoas das listaxes de substitución. “A que se resinte é, de novo, a calidade do ensino”, lamenta. “Os recursos, como non, diríxense a actos como os do día de inauguración do presente curso no que tan pouco se escatimou que deron mesmo para traer á raíña”.
A CIG-Ensino segue a defender unha reforma da orde de licenzas que dea resposta ás necesidades reais do profesorado e o sistema educativo, recuperando entre outras cuestións, as licenzas tanto retribuídas como non retribuídas para ampliación de estudos, anuladas polo goberno do PP.