A conselleira do Mar comprométese a elaborar un informe para solicitar a inclusión do persoal gardacostas no TREMAR
Gardacostas de Galiza continúan coas mobilizacións para reclamar a súa inclusión no réxime especial do Mar, do que están excluídos pola súa condición de persoal funcionario. Este xoves levaron as súas reivindicacións até ás portas da Xunta de Galiza onde mantiveron un encontro coa conselleira do Mar, Rosa Gallego, á quen lle reclamaron que faga as xestión oportunas para corrixir esta discriminación.
Na xuntanza, que durou case unha hora, fíxose unha avaliación do tratado no Congreso cos grupos que sustentan o Goberno, PSOE e Podemos porque, segundo estas formacións políticas, faltaba un informe que tiña que ter sido elaborado pola consellaría e unha xuntanza bilateral coa Xunta que tiña que ter sido celebrada para aportar unha solución que vían lóxica.
A este respecto, a responsábel nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, explica que a conselleira comprometeuse a facelo, mais cunha mesa de traballo global na que se avaliara tamén a situación doutros colectivos. “Nós insistimos en que se centrara na cuestión do persoal gardacostas, que é a loita que temos agora e que ten unha singularidade, tanto con respecto aos outros corpos de vixilancia pesqueira que hai noutras comunidades, como a outros funcionarios do Estado”.
Nese sentido, subliñaron a situación concreta que afecta ao persoal funcionario das escalas de gardacostas de Galiza, ao que se lle exixe, como a todos os traballadores e traballadoras do mar, os requirimentos do Instituto Social da Mariña (ISM) para poder realizar as súas funcións, tales como unha formación específica e a superación dun recoñecemento médico. Mais, ao tempo, o propio sistema non os admite porque non están dentro do réxime especial do mar xa que están no réxime xeral da Seguridade Social.
Por iso Burgos entende que intentar ampliar o campo de acción a outros colectivos amosa “unha intención clara de non arranxar o conflito que hai agora mesmo co persoal gardacostas”.
Nese sentido advertiu que, desde a CIG “non imos deixar de presionar á conselleira para que, como patronal se produza esta xuntanza, de boa fe, para chegar a unha solución” e adiantou que se vai instar ao Delegado do Goberno en Galiza para ter unha reunión e que, á súa vez, presione ao goberno para que se lle dea unha solución a este colectivo de funcionarias e funcionarios públicos encargados da costa galega”.
A responsábel nacional da CIG-Autonómica manifestou, en todo caso, que “estamos entristecidos, se isto se utiliza como arma de confrontación política para sacar réditos electorais”.
Xuntanza no Congreso
O pasado 13 de decembro unha representación do colectivo de gardacostas levou ao Congreso dos deputados e Deputadas unha proposta clara e concreta para incluír na Lei de Pesca Sustentábel, que estaba en debate, e que fora presentada polo BNG no trámite de emendas. Con ela reclamábase rematar dunha vez por todas a discriminación co persoal gardacostas de Galiza pola única razón de ser persoal funcionario público.
Unha discriminación que supón que non teñan a acaída protección para a súa saúde, como o acceso á xubilación anticipada ou a vixilancia médica específica que necesitan polos riscos que para a saúde supón o traballo no mar. Máis inxustificada é esta exclusión tendo en conta que compañeiros e compañeiras de empresas privadas (como Remolcanosa ou Salvamar) que comparten embarcación públicas e ámbito laboral, si están incluídos no TREMAR e polo tanto teñen recoñecidos coeficientes redutores do 0.35 para adiantar a idade de xubilación. "Nós o que estamos pedindo é que se lles aplique un coeficiente redutor do 0.15 que é o mínimo que se pode ter para poderse xubilar antes dos 60 anos", matiza.
Burgos apunta tamén a elevada idade media do colectivo, que supera os 55 anos, e "en todas as bases máis de tres ou catro compañeiros/as que superan os 62-63 anos. Isto significa que as lesións que están a sufrir son moitísimo máis gravosas e de difícil recuperación".