A Consellaría usa subvencións europeas para cubrir parte do salario de profesorado fixo dos centros
Douscentos centros educativos de Infantil e Primaria recibiron entre o 11 e o 13 de xullo comunicacións telefónicas e por correo electrónico nas que se lles indicaba que foran “seleccionados” (a dedo e sen petición previa) para formar parte dun programa financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) que implica o cofinanciamento do 60% dos custos de persoal de atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. A subvención afecta ao profesorado especialista de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) deses 200 centros.
As instrucións da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (DXOIE), advirte a CIG-Ensino, danse sen ter en conta a opinión dos centros e como feitos consumados, indicando que teñen que facer público nun lugar ben visíbel do centro e da web, un cartaz que xustifica a participación da Unión Europea no financiamento dun programa que, de feito, non existiu como tal. Ao profesorado afectado (PT, AL, Orientación, dirección do centro) dáselle de prazo até o 31 de xullo para cumprimentar datos de todo o alumnado “participante”, isto é, todo o alumnado do NEAE do centro.
"No documento fica claro que a Consellaría considera como participante nun programa a alumnado, profesorado e centros que en ningún caso formaron parte de ningún programa e que fixeron o traballo normal e habitual de atención á diversidade que se desenvolve ao longo do curso escolar, o que arroxa todas as dúbidas sobre a actuación da administración galega no uso destes fondos", alerta a CIG-Ensino.
O Programa FSE+ Galicia 2021-2027, ao que se acolle a Consellaría para xustificar o 60% dos salarios dun número de docentes, que sería ao redor de 400, foi aprobado o 9 de decembro de 2022 pola EU e a presentación pública por parte da Xunta foi o 14 de marzo de 2023. Malia isto, e tal e como recoñece a Consellaría, non foi até o 2 de xuño cando se solicitou a autorización á Xunta para poder contar cos fondos europeos.
A CIG-Ensino considera totalmente improcedente e un escándalo que se usen fondos europeos para sufragar parte dos salarios de profesorado estrutural e que eses fondos non tivesen servido para incrementar profesorado de PT e AL de reforzo nos centros que tiñan máis necesidades de apoio. O sindicato enviará a documentación da que dispón aos organismos europeos correspondentes por se se estivese a vulnerar a normativa e, de ser así, exixirá as responsabilidades que correspondan.
Por outro lado, a CIG-Ensino considera unha falta de respecto ao profesorado que se lle cargue agora dunha nova carga burocrática para tapar a vergoña de non ter actuado en tempo e forma como correspondería dunha administración educativa minimamente eficiente.
Fondos europeos tamén para cubrir as retribucións da FP
A polémica do financiamento de salarios de profesorado estrutural non afecta só ao profesorado de PT e AL de centros de Infantil e Primaria. Tamén se usaron fondos europeos para pagar parte das retribucións de profesorado de Formación Profesional a quen se lle deu a asinar a finais de curso un documento polo que se daban por coñecedores de que ao o 28% do seu salario foi cuberto con cargos a un programa do FSE.
Deste xeito, a Xunta incorpora un novo mecanismo para reducir os cartos destinados ao ensino público: como non lle chegaba coa redución orzamentaria e de persoal da etapa Feijóo seguida ao pé da letra por Rueda, agora confirman -xa por dúas vías: a atención á diversidade e a formación profesional- que reducen aínda máis os orzamentos destinados a pagar os salarios do profesorado, ao aforrarse unha parte importante das súas retribucións no canto de usar eses fondos para incrementar o profesorado de todos os centros.
A CIG-Ensino vén de dirixirse á Consellaría de Educación para que dea cumprida información pública dos cartos que se aforrou nos salarios de profesorado fixo nos cadros de persoal e para que informe se as medidas adoptadas no uso de subvencións públicas do FSE (que sempre se nos dixo que tiñan un carácter finalista para a contratación temporal de novo profesorado -como os programas Acompaña, PROA, entre outros) contan co respaldo de Intervención Económica da Consellaría e da propia Xunta e se a UE é coñecedora do uso destes fondos finalistas para cubrir postos de traballo estruturais.