A Consellaría suprime 89 prazas e 60 unidades de infantil e primaria nun dos recortes máis grande dos últimos anos
A venres 18 de agosto, en pleno verán, segundo os peores costumes do Goberno do Partido Popular, a Consellaría de Educación volve recortar unidades e postos de traballo.
Este ano, logo dun estudo rápido feito pola CIG-Ensino sobre a ORDE do 31 de xullo de 2023 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, de educación infantil, educación primaria e educación especial publicada hoxe, venres, 18 de agosto atopámonos con que a Consellaría suprime:
- 60 unidades de educación infantil e primaria, que se traducen nun recorte de 89 prazas de infantil e primaria, concretamente 38 de infantil e 51 de educación primaria, incluídas nestas, sete en distintos centros de educación especial.
Estes recortes xa foron advertidos pola CIG-Ensino o 20 de xullo, e a administración no lugar de tomar nota das peticións da comunidade educativa de cara a non levar a cabo as supresións e aproveitar a baixada da natalidade para diminuír as ratios profesorado alumnado segue adiante e incluso presume de ratios baixas, aínda que para iso teña que retorcer as matemáticas até límites obscenos.
Un ano máis a Consellaría perde unha grande oportunidade para comezar cunha baixada das ratios que permitiría ao profesorado aumentar a calidade do ensino, desde a CIG-Ensino seguiremos a reclamar da Consellaría que aproveite a baixada da poboación en idade escolar para rebaixar as ratios e reducir o horario lectivo do profesorado a 18 horas en secundaria e 21 horas en primaria, e non como unha posibilidade de aforrar cartos.
En definitiva, a Consellaría segue adiante coa política de desmantelamento do ensino público, antepoñendo criterios economicistas á calidade da educación. Un desmantelamento que incide especialmente na atención ás necesidade educativas específicas e que vai redundar na masificación das aulas debido ao incremento das rateos e a imposibilidade de realizar desdobres.
Imposición, non negociación
E todos estes recortes sen a máis mínima negociación, seguindo a tendencia que os cargos políticos do PP en Educación: imposición e non negociación.
O Goberno do Partido Popular en Galiza, con Rueda á cabeza, segue sendo o campión dos recortes, e de non darse un cambio de rumbo inmediato no que se rectifiquen todas estas decisións, o próximo curso avecíñase conflitivo porque a comunidade educativa e o profesorado non pode aguantar nin agardar un minuto máis.