A consellaría sobe 12 míseros céntimos para alimentos+gas+produtos de limpeza por alumno/a e día
A CIG-Administración Autonómica considera claramente insuficiente a suba do 5% anunciada onte polo conselleiro de Educación, que supón tan só 12 céntimos para alimentos, máis gas e produtos de limpeza por alumno/a e día. Denuncia que, porén a consellaría incrementou nun 30% a partida destinada a comedores privados.
A CIG-Administración Autonómica valora que Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades tivera en conta a demanda do persoal empregado público dos comedores escolares (tal e como informamos aquí) para que actualizara as contías destinadas ás bolsas para o financiamento do servizo dos comedores escolares, pola suba desmesurada da enerxía e dos alimentos e pola carestía da vida. Mais, lembra que “a suba proposta pola CIG é dun 20%” e asegura que “o 5% anunciado é totalmente insuficiente”.
Aclara que o gasto que se destina inclúe non solo alimentación, senón que tamén se teñen que asumir, con ese importe, os produtos de limpeza e gas propano (empregado nas cociñas dos centros escolares) polo que aínda incluíndo o 5% do ano anterior, o investimento total da Consellería para este ano é de 0,24 céntimos.
Un incremento que considera “totalmente insuficiente para manter a calidade dos servizos públicos e aportar unha alimentación con produtos frescos, locais e de proximidade cun contido nutricional adecuado para os/as escolares”.
A CIG-Administración Autonómica compara o aumento anunciado en medios do 5% dos comedores públicos, co 30% dos comedores das ANPAS (de xestión privada) e sinala que isto “lévanos a pensar que a ridícula suba na pública ten como obxectivo final baixar a calidade para xustificar unha privatización do servizo”.
Afecta maioritariamente a comedores escolares do rural
Lembra que a maioría dos comedores escolares do rural aínda son de xestión publica que “resisten a política privatizadora do PP grazas ao magnífico servizo do persoal empregado público e á presión social das familias que se opoñen a que empresas fagan negocio coa saúde dos seus cativos e cativas”.
O día 9 de novembro a CIG Autonómica remitiu un escrito ao conselleiro de Educación para que revisaran e actualizaran as contías destinadas ás bolsas para o financiamento do servizo dos comedores escolares xa que ao persoal se lle fai cada vez mais difícil dar unha alimentación saudable con produtos frescos, locais e de tempada. “Aínda non obtivemos resposta mais esperamos que recapacite e atenda a CIG para analizar polo miúdo os problemas das cociñas e dos comedores escolares e seguir a dar a alimentación de calidade e deixe de utilizar aos nosos escolares para facer unha campaña da propaganda por uns ridículos 12 céntimos”.