A Consellaría incumpre a obriga de velar polo uso do galego como vehicular na formación do profesorado
A CIG-Ensino vén denunciando repetidamente que a Consellaría de Educación incumpre a Lei de Normalización Lingüística ao non velar porque se empregue o galego no desenvolvemento diario do seu labor institucional. En concreto, foron varias as queixas que lle chegaron por parte de profesorado que participa en actividades formativas organizadas pola propia administración nas que se entrega documentación de traballo en lingua castelá ou mesmo se emprega este idioma para a impartición das aulas.
O caso máis recente do que se tivo constancia foi o curso Introdución ao manexo do kit de Robótica Educativa que vén de organizar o CAFI para os niveis de Primaria e de Secundaria e no que o material entregado estaba practicamente todo en español.
Esta situación é aínda máis grave dado que boa parte era reciclado do curso pasado, "polo que entendemos que durante este tempo a organización tivo tempo a fornecer os contidos que se ían empregar na nosa lingua", subliñan dende CIG-Ensino. Este desleixo, engaden, "é unha mostra máis da nefasta política lingüística que mantén o goberno do PP no ámbito educativo e de forma máis evidente nos últimos anos da era Feijoó, incumprindo o seu deber de velar porque os materiais curriculares empregados formación do profesorado galego estean nosa lingua".
Por este motivo, a Federación do Ensino da CIG vén de remitirlle un escrito ao conselleiro de Educación no requiríndolle que faga cumprir a lei, como é o seu deber.
Oferta formativa discriminatoria co rural
Por outra banda, desde o sindicato nacionalista tamén se pon de manifesto a discriminación que se produce no rural e nas provincias do interior a respecto da programación formativa da Consellaría dirixida ao profesorado. Nunha ollada rápido a ese programa pódese comprobar como a maior parte das actividades relacionadas coas TIC, a innovación e as disciplinas de carácter científico-técnico (ex. Arduino, impresión 3D, robótica...) ofértanse sobre todo nas cidades das provincias da Coruña e de Pontevedra deixando fóra moito profesorado que exerce fóra destes ámbitos territoriais.
Precisamente este persoal docente xa ten maior dificultade para poder formarse nas súas localidades de traballo e non debería verse penalizado na programación anual que deseña a administración galega. Neste sentido, instan a que de cara aos vindeiros cursos académicos se corrixa este desequilibrio e se oferte un maior número de actividades nas áreas con menor poboación para compensar así as carencias de servizos que xa de por si teñen asociadas.