A Consellaría non abre o programa Proa+ a novas necesidades dos centros
A CIG-Ensino tivo constancia nestes días dun correo electrónico remitido pola consellaría de Educación aos centros educativos nos que o curso pasado se desenvolveu o programa Proa+ para que indicaran se querían continuar facendo uso do citado programa no curso actual. Porén, denuncia, a administración só contempla a prórroga nos centros que contaron con profesorado PROA no curso pasado. Fronte a isto, o sindicato volve exixir que as necesidades de atención educativa se cubran con ampliación dos cadros de persoal.
A CIG-ensino ten denunciado en numerosas ocasións que os programas ARCO, PROA e similares non son máis que parches e que o que tiña que facer a Consellaría é dotar aos centros educativos do profesorado necesario nos seus cadros de persoal para atender todas as necesidades educativas. Máis aínda se falamos de necesidades específicas de apoio educativo.
Para o sindicato é máis preocupante, se cabe, que a Consellaría non vaia abrir a máis centros a posibilidade de acceder a estes recursos de profesorado temporal, limitándose a conceder a prórroga do Proa+ a quen xa o ten, como se a realidade do noso alumnado fose algo inamobíbel e non puideran aparecer novas necesidades.
“Unha vez que a solución optada pola Consellaría para cubrir os reforzos pasa polos citados programas, o menos que podería facer unha administración minimamente responsábel e analizar as necesidades cada curso, algo que polo visto non vai facer a Xunta”, afirma a CIG-Ensino.
Neste momento, non se sabe aínda se todos os centros can continuar co profesorado do curso pasado e, de non ser así, se a administración garantiría o mantemento do total de docentes previstos ou se tamén aquí aplicaría un recorte.
Non haberá contratacións ARCO
Por outra banda, a consellaría de Educación confirmoulle á CIG-Ensino que este ano non está previsto que haxa contratacións con cargo ao programa ARCO pola inexistencia de fondos do Ministerio de Educación. É dicir, que o límite do esforzo da administración galega parece estar vinculado directamente con que exista quen se faga cargo de todo ou parte do gasto en persoal. Se en cursos como o anterior se producía un retraso da administración educativa na posta en marcha destas contratacións ARCO que levou a reducir a duración dos contratos, como xa denunciou a CIG-Ensino, neste curso todo indica que xa non haberá ningún contrato por esta vía.
Por iso, a CIG-Ensino insta á administración a rectificar na súa política de programas e a transformar eses recursos nunha ampliación dos cadros docentes e, transitoriamente, abrir a oferta de programas a novos centros educativos a maiores dos actuais, suplindo a ausencia de contratacións ARCO cun estudo rigoroso das necesidades dos centros para dotalos con profesorado de apoio para este curso escolar.