A Consellaría financia no ensino concertado medidas de atención á diversidade que non dá no público
Este venres, día 1 de setembro, publícase no DOG a Orde que regula as axudas a centros privados concertados para atender a alumnado con NEAE, dotadas con 450.000 euros. Estas subvencións poden destinarse á contratación de perfís profesionais que non existen no ensino público e que a CIG-Ensino leva reivindicando ante o aumento de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, como é o caso de logopeda, fisioterapeuta, psicólogo/a, pedagogo/a, traballador/a social, educador/a social ou terapeuta ocupacional.
A CIG-Ensino volve poñer de manifesto que un ano máis a Consellaría de Educación beneficia o ensino concertado con respecto ao público ao destinar nunha convocatoria específica unha partida de 450.000 euros para a atención de alumnado con NEAE cando é ben sabido que a porcentaxe deste colectivo é moito menor que nos centros de xestión pública.
Ademais, como xa vén sendo habitual, esta Orde inclúe como finalidade destas axudas a contratación de persoal que non existe no ensino público e que cada vez máis se demanda desde os centros como logopedas, fisioterapeutas, psicólogos/as, pedagogos/as, traballadores/as sociais, educadores/as sociais ou terapeutas ocupacionais.
O resto das partidas van dirixidas a reparacións, mantemento e obras ou instalacións menores, así como a compra de material específico ordinario inventariable e non inventariable. As axudas están destinadas ás etapas educativas de infantil, primaria, educación secundaria e formación profesional básica.
Neste sentido, a CIG-Ensino exixe á Xunta que mude a súa actitude de recortes continuos de persoal específico de atención á diversidade: persoal de Orientación e especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, que se faciliten os desdobres que demandan os centros coa conseguinte contratación do profesorado necesario e que se teña en conta a diversidade existente cada vez máis nas aulas, con especial atención aos efectos sobre a estabilidade emocional do alumnado con múltiples casuísticas nos centros públicos sen atender, tal e como transmite a comunidade educativa.