A Consellaría de Educación xa non vai cubrir as baixas docentes até 2022
A CIG-Ensino denuncia que nas dúas últimas semanas do trimestre e cun rebrote importante de contaxios de Covid, os centros educativos non verán cubertas as baixas do profesorado.
A dúas semanas de comezar o período de vacacións de nadal, a CIG-Ensino acaba de confirmar que non se van cubrir xa máis baixas do profesorado, "algo que non por repetido ano tras ano non deixa de ser grave, máis aínda este ano xa que nos atopamos, aínda que a Consellaría o tente ocultar, cun rebrote importante da Covid nos centros educativos galegos".
Deixando a un lado a calidade do sistema educativo galego e os dereitos laborais do profesorado, engade a CIG-Ensino, "atopámonos diante dunha Consellaría que pretende que en pleno gromo da Covid o profesorado de primaria e infantil entre en aulas nas que non ten docencia para substituír as compañeiras e compañeiros enfermos. Onde quedan entón as burbullas ou a seguridade mínima para evitar contaxios?", pregúntanse.
Para a federación da CIG queda claro "por enésima vez" que á hora de cadrar os números "a Consellaría esquece todo o que ten que ver coa calidade do sistema educativo ou coa protección do noso alumnado e profesorado.
Desde a CIG-Ensino esixen que, de inmediato, se comece a chamar o persoal substituto para cubrir todas as vacantes de aquí ao 22 de decembro. Pois, aínda que posteriormente ás xestións da central sindical, a Consellaría comezou a chamar para cubrir as vacantes de Educación Infantil, non se están a cubrir no resto de etapas.