A Consellaría de Educación incumpre as súas propias ratios na cobertura de postos de persoal laboral
A CIG-Administración Autonómica denuncia o continuo incumprimento por parte da Xefatura Territorial da Consellería de Educación da Coruña, no relativo á cobertura de postos de persoal laboral nos centros da comarca de Ferrol. Esta política de escaseza, censuran, fai que a propia Consellería "incumpra as ratios que ela mesma estabelece".
O caso máis evidente é o das cociñas con persoal da propia Consellería, nas que as empregadas e empregados está sobrecargados de traballo, na maioría dos casos. Así, na cociña do CEIP Nicolás del Río de Cedeira, levan dous cursos escolares superando a ratio entre número de comensais e traballadores/as que elaboran os menús.
Esta situación foi denunciada en numerosas ocasións tanto pola CIG como pola dirección do centro, "sen que a día de hoxe a Consellería de Educación tomara ningún tipo de medida", alerta Olga Vilasánchez, delegada da CIG no Comité de empresa provincial.
"A continua política de recortes implantada pola Xunta de Galiza debe de rematar xa, porque produce situacións gravosas para o persoal traballador, como sobrecargas, e diminúe a calidade na atención aos/as usuarios/as", asevera.
Neste senso, a representante sindical refire tamén a situación acontecida neste curso escolar coa coidadora do IES Terra de Trasancos, onde "os recortes de persoal levaban a desasistir o alumno de educación especial dese instituto para poder asistir a outro alumno doutro centro escolar, quedando ambos os dous cunha cobertura parcial". Esta situación, engade, solucionouse favorabelmente, "grazas as continuas demandas efectuadas polo sindicato, familia e centro diante da Consellería".