A Consellaría de Educación publica “recomendacións sanitarias” para os centros sen negociar cos sindicatos
A federación de Ensino da CIG denuncia que a Consellaría de Educación vén de facer públicas unhas “recomendacións sanitarias” para os centros educativos sen negociar cos sindicatos. Lembran que a central solicitara por rexistro a convocatoria con carácter de urxencia do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral de Educación (CISSL) e critican que a Consellaría responda con estas “recomendacións unilaterais”.
Explican que logo da publicación no DOG do 5 de maio por parte da CECOP das instrucións sobre presenza nos centros educativos para prestar atención aos procesos de admisión e outros procedementos que afectan á comunidade educativa, A CIG-Ensino solicitou a convocatoria con carácter de urxencia do CISSL, como órgano competente para tratar sobre a valoración dos posíbeis riscos que puidesen existir nos centros docentes a partir do día 11 unha vez que se abra o prazo de matrícula e, polo tanto, exista atención presencial a pais e nais, así como a incorporación de máis persoal aos centros. Entenden que este Comité debera avaliar o tratamento das medidas que ten que implantar a Xunta para a prevención da seguridade e saúde laboral nos centros docentes.
Ao día seguinte do rexistro da solicitude, a Consellaría fai público un documento baixo o título de 'Recomendacións sanitarias a establecer nos centros educativos durante as xornadas presenciais e nos procedementos de atención ao publico', algo que dende a central consideran inaceptábel polos seguintes motivos:
-Non foi previamente negociado como é preceptivo en cumprimento da Lei de Prevención de Riscos.
-Non é un documento normativo, publicado no DOG, senón unhas “recomendacións” e malia isto afírmase nelas que son de aplicación as indicacións que figuran na “Guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia”, publicada no DOG do 17 de abril e que no seu ámbito de aplicación exclúe expresamente o persoal dos centros educativos.
-Dificulta a xestión das posíbeis dispensas de asistencia aos postos de traballo para o persoal que forme parte dun grupo vulnerábel, xa que indica a que a dirección do centro emitirá un informe previo para acreditar a imposibilidade de realizar a adaptación do posto de traballo ou a dotación das proteccións necesarias no seu posto de traballo. O procedemento ordinario consiste en que a persoa que considere ser vulnerábel ten que enviar unha solicitude ao servizo de prevención de cada Xefatura Territorial.
Carga burocrática ás direccións
Consideran que deste xeito engádese unha carga burocrática ás direccións e faise máis lenta a toma de decisións, co conseguinte trastorno para que forma parte dun grupo de risco. Para a CIG-Ensino todas as persoas que formen parte dos grupos de risco indicados polo Ministerio de Sanidade persoas con diabetes, enfermidade cardiovascular, incluída hipertensión, enfermidade pulmonar crónica, inmunodeficiencia, cancro en fase de tratamento activo, embarazo e maiores de 60 anos, deben ter autorización para non incorporarse ao posto de traballo.
Todo o persoal que forma parte dun grupo de risco non pode ser obrigado a reincorporarse
Tendo en conta todo isto, anuncian a presentación dunha denuncia na Inspección de Traballo pola vulneración da obriga de negociar as condicións de reincorporación aos postos de traballo, como a necesaria avaliación de riscos laborais que inclúa o risco biolóxico á Covid 19.
Finalmente, con independencia das medidas legais a adoptar, desde a CIG-Ensino consideran que:
-Todo o persoal que forme parte dun grupo de risco non debe ser obrigado a reincorporarse, como mínimo até que o Servizo de Prevención emita o seu informe.
-Non debe obrigarse aos equipos directivos a exercer unha funcións propias de técnicas de prevención que non lle corresponden.
-Deben terse en conta as circunstancias do persoal (coidado de maiores, crianzas, etc…) ben para adaptar a xornada laboral ou para autorizar a non incorporación.
-As medidas de protección quédanse en meros consellos que parecen extraídos de normas hixiénicas de carácter xeral e que parecen descoñecer a realidade e carencias de protección dos centros educativos. As referencias a limitar as precaucións a manter unha distancia de 2 metros nun proceso no que precisamente o que se vai facer é entregar documentación para un proceso de matrícula parécennos claramente un despropósito.
-Os gastos ocasionados pola compra de material de protección non pode correr por conta dos orzamentos ordinarios dos centros e deben formar parte dunha partida específica da Xunta, que incrementa as xestións que deben facer os equipos directivos en vez de apostar por unha compra centralizada.
-Todo o anterior agranda a nosa preocupación sobre como poida actuar a Consellaría se no final de curso lectivo se producise unha maior incorporación de persoal docente e non docente pola incorporación dalgún alumnado ás aulas.