A concesionaria do SAF de Ponteareas renuncia ao servizo tras meses de conflito laboral
Fixeron falta meses de conflito laboral e 68 xornadas de folga para que Óbolo, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas, renunciase ao contrato. Onte mesmo o pleno municipal aprobou por unanimidade a solicitude da empresa de abandonar voluntariamente o servizo alegando supostamente que ao prezo contratado non era viábel, cando os graves incumprimentos laborais e do propio contrato xustificaban unha rescisión por parte do Goberno local que preside Nava Castro.
Por iso a CIG lamenta que tivese que ser a propia empresa a que finalmente renunciase á xestión do SAF, algo que non sería posíbel por outra parte sen a loita incansábel dunhas traballadoras que nestes meses demostraron a súa capacidade de resistencia protagonizando 68 xornadas de folga e mobilizacións diarias.
Neste tempo tiveron que soportar tanto as manobras da compañía como a actitude dos responsábeis municipais, comezando pola mesma rexedora, “que non escatimaron en mentiras, falsidades, presións, ameazas e mesmo agresións físicas”, tal e como denuncian dende a central sindical. De feito, unha das empregadas chegou a presentar denuncia na Garda Civil tras ser golpeada en varias ocasións pola alcaldesa coa contra de madeira dunha ventá para obrigala a abandonar o peche que mantiñan as afectadas no interior do salón de plenos.
Con todo, co apoio da CIG e de boa parte da veciñanza, o persoal do SAF de Ponteareas foi quen de sobrepoñerse e manter unha loita que deu os seus froitos, primeiro logrando que a empresa regularizase o pago das nóminas e se comprometese a cumprir as condicións esenciais do contrato, e agora provocando a súa renuncia ao servizo. Unha renuncia que foi comunicada pola compañía a mediados deste mes e que o pleno municipal aprobaba por unanimidade na tarde de onte coa presenza dun grupo de traballadoras, que non dubidaron en celebrara unha decisión pola que levaban moito tempo agardando.