A CIG denuncia que a concesionaria do 061 castiga a Cangas sen sistema de desinfección de ambulancias
Os responsábeis da empresa Ambulancias do Atlántico, do Grupo Orthem, decidiron retirar o pasado día 16 de novembro a máquina xeradora de ozono coa que se complementan as tarefas de desinfección dos vehículos sanitarios tras a atención e o traslado polo persoal sanitario do 061 dos pacientes con signos de sospeita ou confirmación por Covid-19.
Pese a que a empresa alega que foi retirada para sometela a unha reparación, o persoal técnico da base de Cangas denuncia que tan só se trata da substitución dun fusible, para o que non se tarda un mes. Ademais, o prezo destas máquinas xeradoras de ozono teñen un custe de 75 euros, o que non xustifica que non se poida proceder a súa inmediata substitución.
A CIG denuncia que detrás desta decisión existe unha campaña de ataque ao sindicato nacionalista en vinganza polas decenas de reclamacións e denuncias que acumula a empresa diante da Inspección de Traballo e Seguridade Social ou na propia Garda Civil. Na actualidade, existen xa actas de infracción e requirimentos da autoridade laboral con multas por vulnerar os dereitos fundamentais do persoal traballador e aos seus representantes sindicais, ademais de poñer en perigo a súa saúde e seguridade.
O obxectivo dos responsábeis de Ambulancias do Atlántico é o de impedir a participación dos delegados/as de prevención para evitar que reclamen os materiais e as medidas necesarias para evitar gastos e poder efectuar recortes, obtendo así máis beneficios da asignación que recibe do Sergas.
No seu afán por incrementar o seu beneficio a costa de abaratar o custe do servizo, o novo xerente enviado dende Murcia para poñerse á fronte da empresa, Diego Guirao, chegou incluso a ameazar por escrito a un delegado da CIG se continuaban as denuncias. Incluso intenta amedrentar a calquera afiliado/a ou representante do sindicato nacionalista co envío de notificacións de expedientes disciplinarios.
Sen ambulancia do 061 e sen persoal do PAC
O feito de que o centro de traballo de Cangas careza dun sistema de desinfección Covid propio obriga a que estás tarefas se realicen nas instalacións que Ambulancias do Atlántico ten na cidade de Vigo. Isto provoca que a ambulancia tarde moito máis en quedar novamente operativa, orixinando atrasos na asistencia á poboación que teña unha urxencia sanitaria.
O sindicato denuncia que nas instalacións de Vigo tan só dispoñen de tres máquinas xeradoras de ozono para nove vehículos, polo que resulta habitual que ademais da media hora que se tarda en facer a desinfección haxa que facer cola para que as máquinas queden libres.
Resulta habitual que o persoal técnico de emerxencias remate a súa asistencia a un paciente no PAC de Cangas e que se teña que trasladar a Vigo a realizar as tarefas de desinfección para logo regresar de novo ao Morrazo, quedando a zona sen servizo de ambulancia durante máis dunha hora.
Onte mesmo, o Punto de Atención Continuada de Cangas estivo sen un enfermeiro/a e sen un médico/a durante máis de dúas horas tras realizar un acompañamento a un paciente ao ter que quedar retido en Vigo mentres a ambulancia realizaba a desinfección. Pese a carga de traballo existente pola situación de pandemia e ao peche do PAC de Moaña para garantir un dobre circuíto de asistencia Covid, “ao Sergas non parece importarlle prescindir dun equipo médico”.
Diante disto, a CIG solicitará a intervención do 061, da Xerencia de Vigo e do propio Concello de Cangas para obrigar a Ambulancias do Atlántico a dispoñer dun sistema de desinfección na localidade que garanta a adecuada e pronta asistencia da poboación. Para iso, enviará unha solicitude ás tres administracións a fin de que poñan solución a este asunto.
Finalmente, o a central nacionalista esíxelle á actual concesionaria que estableza un protocolo coa participación da representación legal dos traballadores/as, tal e como esixe a Lei de Prevención de Riscos Laborais, para definir o mellor sistema de desinfección posíbel para as ambulancias. Na actualidade, o ozono non deixa de ser un complemento da limpeza de superficies que non ten demostrada a súa eficacia fronte á Covid e non está exenta de riscos para o persoal traballador.