A comunidade educativa mobilízase en toda Galiza por un protocolo que garanta a seguridade e a saúde
No día no que se prevía o comezo de curso en secundaria, bacharelato e FP, que tivo que ser adiado porque o caos organizativo e os bandazos dados pola Consellaría de Educación facían imposíbel a organización interna dos centros, unha ampla representación de profesorado, alumnado e familias concentrouse en 25 localidades galegas para seguir reclamando seguridade nas aulas.
“Nestes momentos xa se pode ver como algún centro foi foco de contaxio e nin sequera neste aspecto está correctamente desenvolvido o protocolo da Xunta, cando levamos apenas catro días lectivos, con períodos de adaptación na etapa de infantil e inicio gradual en primaria e educación especial e xa hai 29 casos segundo os datos da propia Consellaría”, sinalou Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino na concentración da Coruña.
O sindicato maioritario no sector do ensino público, xunto con CCOO, CSIF e STEG, as confederacións ANPAs galegas e CONFAPA e as organizacións estudantís ERGUER e ANEGA convocaron estes actos de protesta para incidir na falta de seguridade nas aulas coas medidas ata o momento adoptadas.
“Nas etapas de infantil, primaria e educación especial a Xunta fía toda a seguridade aos grupos de convivencia estábel que só serven para rastrexar contaxios e ao uso de máscara, pero segue habendo moitas aulas ao tope da súa capacidade, con 26 persoas en espazos reducidos e mal ventilados que son unha imprudencia ante un caso asintomático, como xa pasou nalgún centro”, apuntou Bermello.
O protocolo publicado o pasado 31 de agosto era tremendamente discriminatorio con estes niveis educativos que aínda por riba son os máis vulnerábeis pola idade, inmadurez ou características deste alumnado. “Non se atendeu para nada ás recomendación das autoridades sanitarias e epidemiolóxicas sobre a redución de ratios de alumnado por aula e o mantemento dunha distancia interpersoal de cando menos 1,5 metros para que, ante a aparición dun caso, se reduza tamén a carga viral do espazo ocupado”, engadiu.
Criterios irregulares e contraditorios en secundaria e FP
Á marxe do abandono nos niveis educativos inferiores que preocupa tanto a docentes e a familias, o que está a pasar con respecto a secundaria e FP (as ensinanzas de réxime especial, como Escolas de Idiomas, Conservatorios e Escolas de Arte e Deseño son as grandes esquecidas da actuación da Xunta) é propio dun guión de traxicomedia.
Cando parecía que a Consellaría tomaba por fin unha decisión minimamente correcta en todo o despropósito actual coa publicación do parágrafo no que se recollía que aquí si se garantiría o distanciamento de 1,5 metros e se non era posíbel por falta de espazos se autorizarían desdobres, o novo equipo da Consellaría don Román Rodríguez á fronte daba marcha atrás e contradicíase de novo, instando ás direccións a desandar as medidas implementadas e a optar pola semipresencialidade ou o uso de mamparas cun metro de separación entre alumnado.
Segundo explicou Bermello, “esta medida foi fortemente contestada pola CIG-Ensino que intensificou a súa campaña de axitación e por unha parte dos equipos directivos que se amosaron contrarios á súa aplicación.
Numerosas familias tomaron tamén a iniciativa en diferentes IES do país. A presión exercida empezou a dar froitos hoxe mesmo pero de forma totalmente irregular e errática, xa que en poucos centros se concede todo o profesorado necesario para facer os desdobres previstos; na maioría se concede só unha parte das vacantes solicitadas e noutros se obriga directamente a que se usen anteparos ou se opte pola semipresencialidade, sobre todo na FP e no Bacharelato, cando eses mesmos centros si dispoñen de espazos para facer desdobres”.
Ante esta actuación contraditoria e que semella estar á mercede do que ditamine unha ou outra inspección mais sempre coa tesoira da Consellaría por riba, a CIG-Ensino amosa a súa oposición contundente a que se dea comezo ao curso con centros que teñan diferentes condicións de seguridade.
“Con esta concentración na que están representados todos os membros da comunidade educativa, estamos a reclamar uniformidade nos criterios para que non exista discriminación entre centros nin entre etapas educativas á hora de garantir o ensino presencial, o único no que se mantén a calidade do ensino e da atención educativa, e cando menos o metro e medio de distanciamento físico que se amosou como a medida máis eficaz, xunto co uso de máscaras ou a ventilación dos espazos, para reducir o risco de contaxios”, dixo Bermello.
Seguen sobrando motivos para a folga do día 23
En relación ás cifras de contratación anunciadas esta mañá polo conselleiro, no caso dos supostos reforzos en primaria e infantil, trátase na súa maioría (543) de profesorado do programa Arco xa implantado en curso anteriores e con cometidos de reforzo educativo que aínda non foi contratado e que se incorporará a media xornada aos centros e o resto son 240 persoas que responden á obriga legal de desdobrar aqueles grupos que pasen de 25 alumnos e alumnas.
No caso de secundaria, as medidas de presión fixeron que a Consellaría tivera que rectificar e que agora se anuncien unha cifra moi superior de contratos aos que comunicara a finais do mes de agosto, pero moi por debaixo da petición de persoal que facían os centros, segundo se pode constatar a día de hoxe.
De aí que “sigan sobrando motivos para a folga do día 23, a maiores de que hai outras cuestións como a incorporación de persoal de risco ao seu posto de traballo, a extensión das medidas de seguridade aos servizos complementarios, a avaliación de riscos específica centro a centro, a dotación de material de protección axeitado ou a posta en marcha urxente da aplicación EduCovid que nestes momentos, con unidades e centros xa pechados, impide estar a facer o seguimento axeitado dos contaxios”, sentenciou Suso Bermello.
Segundo puido contrastar a CIG-Ensino ao longo da xornada de onte, hai xa moitos centros que contan con verse na obriga de usar mamparas ou anteparos así como a impartir docencia semipresencial.
Centros que terían que usar anteparos:
IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Fernando Wirtz (A Coruña), IES Monte das Moas (A Coruña), IES Blanco Amor (Culleredo), IES Valle Inclán (Pontevedra), IES Fernando Blanco (Cee), IES Monte Neme (Carballo), IES Alfredo Brañas (Carballo), IES Parga Pondal (Carballo), CIFP Ferrolterra (Ferrol), CIFP Rodolfo ha Piñeiro (Ferrol), IES Canido (Ferrol), IES Sofía Casanova (Ferrol), IES Maximino Romero (Zas)
Hai centros que usarán anteparos en aulas ordinarias e outros que os usarán en aulas específicas (informática, talleres).
O uso de anteparos prevese en todos os conservatorios.
Centros que van ter que recorrer á semipresencialidade:
IES Monte Neme (Carballo), IES Valle Inclán, (Pontevedra), IES A Xunqueira I,(Pontevedra), IES Luís Seoane (Pontevedra), IES Montecelo (Pontevedra), IES Sánchez Cantón (Pontevedra), CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), IES Leixa (Ferrol), IES 12 de Outubro (Ourense) IES Vilamarín (Ourense) EASD Antonio Faílde (Ourense), IES Carlos Casares (Vigo), IES Castelao (Vigo), IES Alexandre Bóveda (Vigo), IES Laxeiro (Lalín), IES Monelos (A Coruña), IES Nº1 de Ribeira
Hai numerosos centros que nos trasladan que co profesorado asignado non poderán facer os desdobres que tiñan programados mais que no momento de proporcionarnos a información non teñen aínda claro se van ter que verse na obriga da semipresencialidade ou do uso de mamparas.