A comunidade educativa do CIFP Manuel Antonio esixe na Xunta en Vigo rematar cos problemas derivados das obras

Tamén demandan máis democracia no ensino, xa que as direccións destes centros son escollidas “a dedo” pola Consellaría de Educación
Vigo - 05 Mar 2026

A comunidade educativa do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Manuel Antonio de Vigo desenvolveu hoxe, co apoio da CIG-Ensino, unha concentración diante da delegación da Xunta na cidade coincidindo co paro de tres horas convocado para reclamar solucións aos problemas causados polas obras de acondicionamento e máis democracia no ensino, que o feito de que as direccións dos CIFP sexan escollidas “a dedo” pola Consellaría de Educación é unha das causas da falta de diálogo e de participación no centro.

As protestas repítense dende hai varios meses debido á forma en que se están a realizar as obras de reparación das cubertas do instituto, que chegaron fóra de tempo e xeraron numerosas molestias para profesorado, persoal non docente e alumnado. A comunidade educativa denuncia a falta de coordinación, de comunicación e de resposta por parte da Consellaría ás demandas formuladas.

Segundo explica o persoal docente, a situación chegou a provocar filtracións de auga, pingueiras, baños anegados, charcos nas aulas, presenza de fungos e deterioro de material, xerando un ambiente pouco saudable para o desenvolvemento normal da actividade educativa.

Polo que a comunidade educativa do centro reclama que se facilite o Plan de Prevención de Riscos Laborais solicitado a comezo de curso, así como a realización de medicións de posibles contaminantes, cuestións que xa lle foron trasladadas ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).

Outra das cuestións que motivaron paro e as protestas ten que ver con que a direccións deste tipo de centros non é elixida pola comunidade educativa, senón designada directamente pola Consellería, o que consideran unha das causas de falta de diálogo e de participación.

A CIG-Ensino levou este tema á Mesa Sectorial e solicitou que se convoque o Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría, sen que polo momento a Dirección Xeral de Recursos Humanos atendera as súas peticións. Ademais tamén contactou por teléfono e por escrito co Servizo de Prevención de Riscos Laborais do departamento autonómico, que mantén que a avaliación de riscos se fará unha vez rematen as obras.

Finalmente, o profesorado sinala que esta mobilización forma parte tamén dun contexto máis amplo de protestas no ensino público galego, marcado pola imposición dunha reforma da FP que está a deteriorar moito estas ensinanzas, unha gran carga burocrática, ratios elevadas, falta de medios para atender á diversidade e ausencia de resposta da Consellería ás demandas do sector.

Principais demandas da comunidade educativa do Manuel Antonio
  • Recibir información sobre as obras e as súas consecuencias.
  • Ter acceso ao Plan de Prevención de Riscos Laborais e que se realicen medicións de posibles axentes contaminantes.
  • Convocar o Consello Social do instituto.
  • Convocar un claustro para debater as propostas do profesorado.
  • Reclamar a elección democrática das direccións nos CIFP.