A comisión paritaria do convenio de Centros Especiais de Emprego recoñece que as táboas salariais están por debaixo do SMI
A comisión paritaria do convenio colectivo galego de Centros Especiais de Emprego recoñeceu o pasado 3 de xullo, tras unha consulta realizada pola CIG, que as táboas salariais do convenio están por debaixo do SMI. Deste xeito, unha vez publicada a acta da xuntanza deste organismo, as persoas traballadoras do sector comezarán a percibir 1184 euros ao mes en concepto de salario base, cando non conten con ningún outro complemento de carácter salarial.
Esta rectificación é froito da inquedanza das persoas delegadas e afiliadas da central sindical nos CEE, ao comprobar que os sindicatos estatais asinantes do convenio (CCOO e UGT) aceptaron unhas táboas salariais que non garantían o ingreso do salario mínimo.
A CIG non asinou o actual convenio galego de CEE xa que se está a empregar como unha ferramenta de explotación laboral “porque permite a utilización das persoas traballadoras con discapacidade como man de obra barata para as empresas”.
Unha das principais reivindicacións da central sindical pasa por que se lle aplique a este persoal o convenio do sector da compañía na que desenvolven a súa actividade, algo que o Ministerio de Traballo impediu na reforma laboral de 2021 e que a propia Xunta de Galiza asumiu, facilitando a extensión da precariedade e dos baixos salarios no mercado laboral galego.
“Non é de estrañar que nuns anos algunha ministro/a ou algún conselleiro/a remate nun consello de administración dalgunha fundación que xestiona este tipo de Centros”, sinalan dende a Secretaría Confederal de Emprego da CIG.