A Comisión de Centro mobilízase polo déficit de persoal nos hospitais da Coruña
Traballadoras e traballadores do CHUAC mobilizáronse este venres para denunciar a falta de persoal celador e técnico de raios Hospital Universitario da Coruña. A protesta súmase ás concentracións que a Comisión de Centro do CHUAC tamén está a realizar os xoves para exixir reforzo de persoal no Hospital Abente y Lago "que está nunha situación límite".
Na protesta deste venres, alertou que a carencia de celadores/as e técnicas/os superiores en imaxe para o diagnóstico na unidade de raios provocan a atrasos continuados na realización de probas ás e aos pacientes.
A comisión xa denunciou en varias ocasións o colapso da sala de espera de raios, "tendo pacientes nesta sala sen dotación de persoal propio durante horas". Esta situación agrávase coa falta de celadoras/es, xa que provoca que aumente a demora na realización de probas e no posterior traslado á unidade de destino.
"Levamos xa uns anos denunciando esta situación e exixíndolle á Xerencia un incremento de profesionais desta categoría, pero a Xerencia continúa sen dotar dos/as profesionais necesarios", critican.
Diante disto, a Comisión decidiu iniciar un calendario de concentracións pero xa adianta que non se descarta adoptar outras medidas de presión até acadar o persoal necesario, porque "coa saúde dos/as profesionais e das/os pacientes non se xoga".
Déficit de persoal tamén no Abente y Lago
O déficit de persoal afecta tamén a outro hospital do CHUAC, como o Abente y Lago, onde faltan celadoras/es e TCAE. A situación, denuncia a Comisión de Centro, está tan so límite que hai quendas de noite nas que só hai un ou unha para "un hospital enteiro con case 100 pacientes ao cargo".
De igual maneira, as carencias en persoal auxiliar de enfermería levan a que, en quenda de noite, unha ou un só TCAE se faga cargo de 25 pacientes dependentes, cunha alta demanda de coidados.
A Comisión de Centro subliña que as e os doentes merecen unha atención de calidade, imposíbel de garantir cando o persoal ten que traballar a un ritmo frenético. Nestas condicións, advirten, "non se pode pretender manter a calidade e incluso a seguridade necesaria para realizar as mobilizacións".