A Comisión de Centro do CHUS denuncia o peche de 180 camas durante o verán
A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago vén de denunciar o peche dun total de 180 camas durante este verán. Segundo os datos comunicados pola propia Xerencia, deste total 138 pecharán no Hospital de Conxo e 42 no Hospital Gil Casares.
A Comisión de Centro sinala que segundo a Xerencia esta planificación en época estival xustifícase nos menores índices de ocupación hospitalaria nestas datas, debido a unha “redución estacional de patoloxías e á correlativa redución de ingresos por enfermidade”; pola concentración “da maior parte das vacacións do persoal, posto que, como sucede con outras profesións, é o período máis demandado para vacacións regulamentarias” e, ademais, para aproveitar “cando hai menos pacientes para facer obras de mantemento nos centros”.
Diante destas xustificacións denuncian que esta Xerencia, “segue a interpretar a leis como boamente lle convén” e así, nesa liña, limítanse unicamente a entender que o traballo que teñen que facer para a “implementación de medidas a seguir para asegurar unha prestación universal de calidade, que contribúa a sostenibilidade do Sistema de Saúde”, é pechar unidades e non contratar persoal dos listados de contratación, porque xa dispoñen do persoal das unidades que pechan.
Listas de espera
Como consecuencia disto, denuncian que un ano máis as axendas de consultas por enfermidade estarán pechadas até o remate das vacacións aumentando as listas de espera daquelas especialidades que se ven afectadas polo peche de camas ( dermatoloxía, cirurxía xeral e dixestiva, oftalmoloxía, uroloxía, pneumoloxía e traumatoloxía), có argumento de que no verán baixa o número de doentes, cando “ano tras ano podemos ver o colapso que isto provoca no Servizo de Urxencias, con máis de 20 e 30 pacientes pendentes de ingreso e con espera de 3 días por unha cama, e/ou a derivación a centros privados”.
Por iso a Comisión de Centro denuncia esta “nova agresión”, que “incrementa o deterioro da Sanidade Pública, e o intento de aforrar recursos públicos a custa de reducir prestacións sanitarias”.
O peche de servizos sanitarios carece, para a Comisión de Centro, “de toda lóxica asistencial” porque ademais de xerar un incremento en todas as listas de espera (cirurxías, probas diagnósticas...) provoca un incremento das listas do paro. Denuncia que, porén, “isto á Xerencia dálle igual. O obxectivo é pechar camas para non contratar persoal, non hai ningún outro argumento que xustifique estes peches”. E entende que o que fai é condenar ás/aos cidadáns a “non ter unha asistencia digna pola redución das prestacións sanitarias” e condenar ao paro, a un gran número de traballadores/as.