A comisión de centro do CHUAC mobilízase pola falta de celadores/as e TCAE no Hospital Abente y Lago
A comisión de centro do CHUAC iniciou este xoves un calendario de mobilizacións para denunciar o déficit de celadores/as e TCAE no Hospital Abente y Lago. As protestas repetiranse todos os xoves "até que a Xerencia recoñeza a falta de persoal e poña os recursos necesarios para evitalo".
"Non podemos permitir que se aforre a conta da saúde do persoal e dos/as pacientes", aseveraron durante a concentración na que se explicou que tras varias reunións mantidas coa Xerencia, "esta non recoñece este déficit nin contrata o persoal necesario para palialo".
A comisión de centro subliña que os e as pacientes que ingresan nas unidades do Hospital Abente y Lago soen ser de idades avanzadas, dependentes e con pluripatoloxías, polo que precisan de coidados para axudarlles a comer, erguerse, deitarse ou lavarse. Faise polo tanto, imprescindíbel dispoñer de recursos materiais e do persoal suficiente para poder realizar todas estas tarefas e dar unha atención digna.
"Mais isto non é o que acontece neste hospital. A Xerencia, está “aforrando” en persoal, nomeadamente celadores/as e TCAE, o que está levando as e os profesionais a traballar arreo e nunhas condicións de traballo que afectan a súa saúde". Pero ademais da sobrecarga laboral e psicolóxica, esta carencia de persoal provoca que os pacientes sufran atrasos no aseo, para levantarse e que pasen horas na cama sen poder darlles a atención que precisan "por non ter profesionais para realizalo".
Neste senso, a Lucía Peón Soutiño, presidenta da Comisión de Atención Hospitalaria, subliña que este déficit de persoal responde exclusivamente a unha política de aforro da Xerencia, xa que nestas dúas categorías "hai profesionais en paro e dispoñíbeis para incorporarse agora mesmo ao traballo".
Ademais das carencias de profesionais, con esta concentración, a comisión quere denuncian que a Xerencia mantén pechada a 4º planta do hospital "o que está levando a ingresar en habitacións de dúas camas unha terceira. Isto condiciona o traballo que se realiza xa que non hai espazo suficiente para poder facelo en condicións seguras tanto para o/a paciente como para o persoal".