A Comisión de Centro do CHUAC denuncia “a improvisación” da Xerencia na apertura da Unidade de Ictus
A Comisión de Centro congratúlase pola posta en marcha deste dispositivo asistencial, mais tamén lamenta “que un proxecto desta importancia se xestione sen ningunha previsión e organización, realizándose unha apertura apresurada e sen a dotación do persoal de enfermaría necesario”. A este respecto, a Presidenta da Comisión, María Seijo, sinala que se mantén o mesmo cadro de persoal estrutural, cando esta unidade xa soportaba “tal déficit de profesionais que facía urxente o seu incremento”.
Para tratares de ocultar este problema, a Xerencia “pon “parches”, facéndolle contratos lixo a enfermeiras/os e técnicas/os en coidados auxiliares de enfermaría, a quen mantén cun calendario paralelo e cunhas pésimas condicións de traballo”, informan.
Fronte estes “parches”, a Comisión explica que un proxecto deste tipo precisa dunha estrutura garantida “e non tería que terse posto en funcionamento de xeito precipitado, con estas condicións de provisionalidade, e cando máis dificultades e limitacións hai para a contratación de profesionais”.
Por iso, critican a falta de planificación e cuestionan a urxencia por abrir a unidade en pleno período de vacacións. “A Comisión de Centro valora como lamentábel que incluso os proxectos máis sensíbeis sexan tratados con este oportunismo electoral do PP”.
Ademais, censuran que órgano de representación non recibiu por parte da Xerencia, “como sería a súa obriga”, ningunha información con respecto a apertura da Unidade de Ictus, nin data, nin cadro de persoal. “Esta é a práctica habitual desta Xerencia, a vulneración dos dereitos dos traballadores e traballadoras e a ocultación de información ás e aos seus representantes”, afirman.
Xunto isto, critican que tampouco teñen recibido información sobre:
• o peche dos quirófanos de Urxencias (obrigado polas deficiencias que presentan) a menos de 8 meses da súa apertura
• as consecuencias asistenciais do peche de máis de 200 camas
• a situación de saturación crónica do Servizo de Urxencias
• a perda continuada de profesionais
• a situación de necesidade extrema de servizos como Neurocirurxía, Neuroloxía, Neumoloxía, Infecciosos, Urxencias, Farmacia, Laboratorios, Radioloxía, Cociña, Hospital de Oza, Hospital Abente, etc.; “debida á enorme sobrecarga asistencial que soportan pola precariedade do seu cadro de persoal, totalmente insuficiente para satisfacer as necesidades e demandas das e dos seus doentes”.
• a vulneración de dereitos laborais: denegación sistemática de permisos, excesos de xornada, contratos lixo por días.
“A Comisión de Centro esixe desta Xerencia da Coruña, man executora das políticas sanitarias do goberno da Xunta, que asuma as súas responsabilidades e obrigas cos/as profesionais e cos/as usuarios/as, que aborde dunha vez o graves problemas aos que conduce a súa xestión. Este complexo hospitalario non pode seguir soportando o abandono ao que o condenan as políticas de recortes sanitarios do Partido Popular, é preciso recuperar a plena capacidade e calidade asistencial”, conclúen.