A Comisión de Centro convoca manifestación para esixir máis persoal e condicións dignas no CHUAC
A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) ten convocada unha manifestación para o vindeiro xoves 20 de xaneiro para esixir condicións laborais dignas, que se cubran todas as ausencias e un incremento de persoal nas diferentes categorías que permita afrontar a carga de traballo e garantir a adecuada atención sanitaria. A manifestación, que se desenvolverá baixo o lema "Sen persoal non hai sanidade", sairá ás 19 horas da Casa do Mar e rematará na explanada do Obelisco.
O órgano de representación pide o apoio da Plataforma SOS Sanidade Pública e das organizacións sociais e políticas á convocatoria e lanza un chamamento a toda a cidadanía para que participe nesta mobilización, xa que o que se reclama é unha asistencia pública e de calidade e o remate das políticas de desmantelamento e precarización laboral aplicadas pola Xunta de Galiza na última década.
A Comisión de Centro, explica a súa presidenta Lucía Peón, leva anos denunciando que os hospitais que conforman o CHUAC (Hospital Universitario da Coruña, Hospital Abente y Lago, Hospital Teresa Herrera e Hospital de Oza) teñen un déficit histórico de persoal a respecto da ratio de profesional/paciente.
A pandemia evidenciou e afondou nesta situación de precariedade até o punto xerar unha sobrecarga de traballo que semella inasumible para as e os profesionais. Mais a pesar das reiteradas demandas para que se reforcen os cadros de persoal, critica Peón, "a Xerencia continúa facendo oídos xordos ante o evidente deterioro da atención na nosa área sanitaria".
As Urxencias en colapso permanente
Un claro exemplo desta precariedade dáse na saturación permanente que vive o Servizo de Urxencias do HUAC. A Xerencia xa asumiu como algo normal que os corredores estean ateigados de pacientes á espera dunha cama de hospitalización. "Este feito non só é denigrante para as e os doentes, senón tamén para os/as profesionais que traballan neste servizo, xa que teñen que atender nunhas condicións nas que non se pode garantir o dereito á intimidade nin a calidade asistencial que se presta".
A isto último hai que sumar que as persoas que se atopan nestes corredores, en moitas ocasións, son atendidas polos menos profesionais do Servizo de Urxencias; é dicir, non se conta con máis persoal para estas zonas, o que supón unha sobrecarga adicional para o persoal.
Diante disto, o persoal, "que xa non pode máis", leva varias semanas mobilizándose para esixir solucións, "pero a resposta da Xerencia é nula".
Sen solucións para as unidades de críticos
No relativo ás unidades de críticos (UCI e Reas) tamén tocaron durante a pandemia, até o punto de que o persoal, en cada vaga covid, tivo que renunciar as súas libranzas para poder atender os/as pacientes que alí ingresaban. Unha renuncia ao dereito ao descanso que non obtivo ningún tipo de compensación por parte do SERGAS, máis alá dos aplausos.
Neste contexto de deterioro das condicións laborais e da calidade asistencial, fixéronse diversas mobilizacións esixindo incrementos de persoal, organización dos recursos, formación, cobertura das ausencias, que se retribúan as xornadas realizadas fóra do horario de traballo etc.
A Xerencia comprometeuse a achegar solucións coas unidades de críticos, mais novamente estas palabras non se traduciron en feitos, xa que non houbo ningún cambio nas condicións laborais destes compañeiros e compañeiras que seguen a traballar nunhas condicións moi duras.
Recentemente as e os traballadores do bloque cirúrxico tamén iniciaron un calendario de protestas por diversa problemática como a mobilización dos equipos de enfermería destinados as cirurxías urxentes, o déficit de persoal, a falta de cobertura das ausencias etc.
Os problemas esténdese a todas as unidades
As unidades de hospitalización, os servizos centrais (laboratorio, farmacia, raios, lavandería, cociña...) do CHUAC tamén sofren desta situación de colapso permanente, desorganización e sobrecarga continuada. "E con cada onda covid tiveron que adaptarse, sufrir a desorganización, as ordes equívoca, a sobrecarga, etc.", advertiron.
O persoal do CHUAC, que sofre un déficit histórico de persoal que afecta a todas as categorías, "fixo un enorme esforzo durante a pandemia, renunciando as libranzas, dobrando quendas e traballando en condicións adversas para poder atender as e os pacientes da área sanitaria. As e os profesionais antepuxeron a atención sanitaria á conciliación da vida súa familiar e laboral".
A día de hoxe, o persoal, que está esgotado, aínda non puido sequera 'recuperar' as súas libranzas, xa que lle continúan a ser denegadas. O argumento da Xerencia para limitar dereitos é que hai un "déficit de profesionais", mais na realidade tampouco existe unha organización dos recursos existentes que permita paliar isto.
Ademais, a Xunta teima na súa política de maltrato laboral e o persoal temporal, lonxe de lle mellorar a súa estabilidade, continúa nunha situación de precariedade absoluta, soportando contratos fraccionados e con chamadas dun día para outro, o que non permite conciliar nin sequera descansar.
Esta política laboral ten como consecuencia directa o baleiro das listas de contratación, ao fomentar a fuxida das e dos profesionais na procura de mellores condicións e dunha estabilidade que o SERGAS non lle ofrece.
Urxe polo tanto un incremento de persoal e unha planificación para garantir o dereito ao descanso. Mais tamén unha aposta decidida pola sanidade e polo seu persoal, dotando o sistema público dos orzamentos e dos recursos necesarios.