A Comisión de Centro denuncia novas situacións de colapso nas urxencias do Hospital da Coruña
A Comisión de Centro de Atención Especializada da EOXI da Coruña alerta da situación de colapso na que se atopa o servizo de urxencias do Hospital da Coruña, cando aínda nin sequera empezou o “pico de gripe”. Porén, a “situación actual é tan crítica que se está a dilucidar por parte da Xerencia situar as e os pacientes nun corredor de saída á rúa, que nunca foi utilizado para tal fin e que está nunhas condicións non axeitadas para a atención de doentes, sen medios estruturais, con correntes de aire, sen un lugar de saída de pacientes, familias, persoal, etc.”, advirte Lucía Peón, secretaria da Comisión de Centro.
Para o órgano de representación social, este colapso está provocado pola falta de previsión da Xerencia, pois “non se trata dun feito illado”, senón que “xa é habitual dispoñer as/os pacientes en corredores dentro do servizo de Urxencias, algo intolerábel desde o punto de vista do dereito á intimidade e da dignidade da/o paciente”. Peón subliña que as e os profesionais teñen que traballar arreo en condicións deplorábeis, cunhas rateos de paciente por profesional que dificultan ofrecer unha atención axeitada.
Ano tras ano, lembra, a Comisión solicítalle á Xerencia que teña un plan de continxencia que contemple medidas efectivas, como poden ser a habilitación de espazos axeitados que poidan paliar a saturación do servizo. Así mesmo, reclaman unha drenaxe áxil das e dos pacientes do servizo de urxencia “que evite dunha vez por todas a situación de colapso actual e que haxa que situar os pacientes en corredores”.