A Comisión de Centro denuncia o "colapso total" do servizo de Urxencias do Hospital da Coruña
A Comisión de Centro do CHUAC alerta que o pasado luns se produciu un "colapso total" no servizo de Urxencias do Hospital da Coruña que nestes momentos aínda non foi solucionado, xa que segue habendo pacientes nos corredores.
Sinalan que se está producindo un incremento importante no volume de entrada de doentes a este servizo, o que provoca que teñan que agardar máis tempo do estimado en poder ser valorados/as polo persoal médico, co risco que isto supón para a poboación.
Fronte a esta demora, a presidenta da comisión, Lucía Peón Soutiño, pon o acento en que as entradas no servizo de Urxencias deben ser áxiles, "para que se poida valorar a gravidade da/o paciente e así darlle a atención correcta". Pero cando o volume de entrada é tan alto e non hai un aumento de profesionais "é inviábel que esta valoración se poida facer con seguridade para a/o paciente".
A comisión reclámalle á Xerencia un plan de actuación "de tal xeito que cando menos se reforce o servizo de urxencias cas/os profesionais necesarios para que a atención sexa a adecuada".
A este respecto, advirten que este verán hai menos persoal médico para cubrir as ausencias (vacacións, permisos...), o que implica que o persoal que está no servizo teña que, obrigatoriamente, incrementar a súa xornada. Isto sumado á elevada carga de traballo actual, "fai que se vexa comprometida a súa propia saúde".
Pero ademeis, este déficit de profesionais esténdese ao resto de categorías (enfermería, TCAE, persoal celador, etc.) que tamén en varias quendas de traballo ven minorados os efectivos, a pesar de existir posibilidades de contratación.
Diante desta nova saturación, a Comisión de Centro do CHUAC denuncia que a Xerencia non reforzou profesionais de ningunha categoría, "tendo as/os mesmos/as profesionais que atender máis do triple de pacientes. Urxen solucións e urxe un reforzo inmediato de profesionais!", aseveran.