Denuncian condicións de hospitalización "propias do século XIX" na Psiquiatría do Hospital de Oza
A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) esixe da Xerencia e da Consellería que cumpran coas súas obrigas e fagan actuacións urxentes e inmediatas para corrixir as condicións de hospitalización da Unidade de Psiquiatría do Hospital de Oza.
As condicións desta unidade, debidas a unha situación de sobreocupación permanente e as súas pésimas características estruturais (habitacións múltiples sen baños, escaseza de espazo, falta de salas e espazos para a atención dos pacientes, uso inadecuado das habitacións para coidados especiais,…) poderían cualificarse, segundo advirte a Comisión de Centro, como “condicións 'semi-manicomiais', máis propias dunha institución do século XIX que dun hospital público do século XXI".
Apuntan que o espazo físico da unidade é insuficiente para unha ocupación con 31 pacientes, o que implica un estado permanente de masificación. A isto súmase unha pésima infraestrutura: non existen habitacións individuais, a metade dos cuartos non teñen baño, os pacientes só dispoñen de dúas duchas e dous retretes de uso colectivo para homes e dúas para mulleres, e faltan salas e persoal para a práctica de coidados e terapias. "E hai que engadir as deficitarias condicións de seguridade do mobiliario e dos materiais e os incumprimentos das medidas básicas de hixiene, seguridade e prevención de riscos".
Ingreso ordinario de pacientes en habitacións de coidados especiais
"E se unha dotación de 31 camas xa implica un estado de masificación permanente da unidade, a sobreocupación sistemática por enriba desta cifra (ao empregarse para o ingreso ordinario as habitacións de coidados especiais) resulta asistencialmente insoportábel", denuncia a presidenta da Comisión, María Seijo (CIG). Estas habitacións, destinadas a pacientes que precisan dunha atención especial e individual por presentar unha situación aguda, por existir risco de auto/hetero agresividade, por ter unha indicación de contención mecánica, etc., deberían de estar sempre dispoñíbeis para o seu uso nas situación que así o esixen. "Resulta inaceptñabel o ingreso ordinario de pacientes nestas habitacións ou o seu uso compartido".
Estas condicións no só atentan contra a dignidade persoal e os dereitos dos e das pacientes, senón que poden resultar nocivas para as persoas ingresadas en psiquiatría, xa que teñen grande transcendencia na abordaxe e coidado de pacientes en situación aguda e moi vulnerables ás características da súa contorna.
A Xerencia coñece esta grave situación dende hai meses
Seijo subliña que a Xerencia é plenamente coñecedora desta grave situación dende hai meses, pois foille transmitida tanto pola Comisión de Centro como polos/as profesionais de enfermaría da unidade en reiteradas ocasións, demandándolle a necesidade dunha reforma integral pero tamén de adoptar medidas urxentes que aseguren un límite máximo de ocupación e a erradicación do uso inadecuado das habitacións de coidados especiais (ingreso ordinario, usos compartido, uso mixto).
"Pero transcorridos case seis meses, as pésimas condicións da unidade mantéñense inalterábeis, persistindo a mesma situación de sobreocupación e masificación extrema, polo que a Comisión de Centro publicamente insta a Xerencia e a Consellería de Sanidade a cumprir coas súas obrigas para cos doentes que teñen un problema de saúde mental. Se non cumpren coa súa responsabilidade, a Comisión de Centro xunto cos profesionais da unidade farán un chamamento á poboación para que se sume ás mobilizacións para esixir a corrección dunha situación asistencialmente inaceptable, lesiva e discriminatoria".