A Comisión de Centro denuncia a sobrecarga asistencial do CHUAC e demanda máis persoal e un control de acceso
A Comisión de Centro de Hospitalaria do CHUAC compareceu este venres en rolda de prensa para alertar da sobrecarga asistencial que ten o hospital da Coruña e as consecuencias que este déficit de persoal supón tanto na atención sanitaria e na falla da seguridade para as e os doentes, como no esgotamento físico e mental dos e das profesionais.
A secretaria da Comisión, Lucía Peón Soutiño (CIG-Saúde) denunciou que o CHUAC vén arrastrando un histórico déficit de persoal que afecta a todas as unidades e categorías, e que agora se está vendo agrado a causa da emerxencia sanitaria. Peón ofreceu unha serie de datos para visualizar o alcance desta falta de persoal: o CHUAC ten 1346 camas divididas en unidades de hospitalización e cirúrxicas que sofren un déficit de 2-3 profesionais "como mínimo" por cada unidade, ademais acada profesional atende a unhas 20 persoas cando a ratio debera ser de 8 pacientes.
A isto engádeselle a precariedade laboral que hai no SERGAS, que leva a que neste momento, segundo datos facilitados pola Xerencia, haxa arredor de 800 profesionais con contratos por días, semanas e por un mes no mellor dos casos. "Esta contratación precaria ten que finalizar xa", afirmou Peón Soutiño quen reclamou contratos estábeis para o persoal, cando menos até finais de maio.
Na actual pandemia, engadiu, este déficit de persoal resulta especialmente grave porque as metodoloxías de traballo e os procedementos deben ser escrupulosos e rigorosos, porque isto incide directamente na saúde dos/as doentes e dos/as profesionais. Neste senso, sinalou que hai varios gromos no centro que dende a comisión atribúen a esta sobrecarga asistencial. En concreto, en toda a área sanitaria da Coruña-Cee hai 70 contaxios activos, dos que 49 corresponden ao CHUAC.
A representante sindical denunciou que, malia a situación de emerxencia, a Xerencia non estableceu ningún tipo de control de acceso para pacientes e familiares, non garantindo en todo caso que teñan unha máscara cirúrxica adecuada e en perfecto estado, nin proporcionando xel hidroalcohólico, cando está demostrado que o máis efectivo para evitar os contaxios é manter as medidas de hixiene e o distanciamento social. "É inaceptábel que nun centro sanitario non se cumpran estas medidas, porque se facilita a transmisión do virus entre profesionais e doentes", advertiu.
Neste senso, sinalou que de nada vale colocar un dispensador de xel hidroalcohólico na porta se non está debidamente indicado e se non se garante o seu uso por parte dos/as usuarios/as. Como tamén é preciso, engadiu, ofrecer información sobre as limitación de acompañamento e vixiar que se cumpran, facilitar indicacións claras para moverse polo hospital ou garantir a utilización de máscaras adecuadas, provéndolle dunha a quen dispoña dela.
Pro todo isto, a comisión esixiu da Xerencia un control de acceso nas portas para que se poidan garantir todas estas medidas e que se proceda á estabilización do cadro de persoal para garantir a mellor atención posíbel, baixar a rotación e evitar a marcha dos e das profesionais a centro privados ou fóra do país na procura de condicións dignas. De igual xeito, que se proporcione máis formación e información ao persoal. "Necesitamos as e os profesionais par dar atención segura e de calidade e unhas ratios de persoal axeitadas nas unidades para prever contaxios", concluíu.