A Comisión de Centro apoia as concentracións do persoal de Urxencias do Hospital da Coruña
A Comisión de Centro do CHUAC apoia as concentracións promovidas polas traballadoras e traballadores de Urxencias do Hospital da Coruña en demanda dun incremento de persoal para afrontar a carga de traballo e garantir a adecuada atención sanitaria. A Comisión de Centro leva anos denunciando a situación de permanente saturación que padece o servizo de urxencias do HUAC, o que carrexa unha sobrecarga elevadísima dos e das profesionais.
"É habitual a distribución de pacientes nos corredores, vulnerando o dereito á intimidade e minguando a calidade asistencial prestada", denuncian. Porén, a pesar desta situación, a Xerencia non ten contratado persoal de estrutura para a atención dos/as doentes e "xoga cunha improvisación constante", o que leva repetidamente a que a atención nestes corredores se faga desprazando persoal doutras localizacións de Urxencias, sobrecargando así aínda máis o servizo.
Actualmente, engaden, son frecuentes quendas de traballo "nas que hai menos profesionais ou incluso nas que se están mobilizando fóra do servizo de urxencias, agravando aínda máis se cabe a situación".
Pola súa banda, a Xerencia xustifica a súa pasividade e falta de operatividade en que non hai enfermeiras/os, mais na realidade tampouco se contratan outras categorías que son necesarias e nas que non existe déficit de profesionais. Ademais, as enfermeiras/os das que dispón continúan sen ter contratos estables que puideran dar unha continuidade asistencial no servizo.
"Todo isto leva as/os traballadores a un calendario de mobilizacións, apoiados pola Comisión de Centro, e non se pode descartar incrementar as accións de protesta outra serie de medidas se a Xerencia continúa obviando a situación crítica na que se atopa Urxencias do HUAC", avanzan.