A clave é recuperar o poder da forza do traballo

Fermín Paz Lamigueiro - 24 Xun 2020

O século XXI terá entre as súas principais características a complexidade e a interrelación dos conflitos. Mais, unha de dúas: ou seguimos polo mesmo camiño ou esiximos un cambio na dinámica sindical. A colaboración cos movementos sociais e as organizacións políticas dispostas a unha confrontación sostida no tempo non poderá facerse sen substituír a formula de representatividade sindical actual

 "O xeito como se presentan as cousas non é o xeito como son; e se as cousas fosen como se presentan a ciencia enteira sobraría" (Karl Marx)

 Se revisamos os textos e informes menos accesíbeis da Comisión Europea, a OCDE ou a European Round Table, atoparemos algunha verdade. O capitalismo posmoderno iniciou outro axuste necesario entre a produtividade e a formación. Diso temos a necesidade de falar, porque mesmo explicaría por que unha parte dos nosos mozos e mozas -os mellor formados da nosa historia- teñen que facer unha emigración forzada para poderen traballar. Non é unha maldición; é froito de moitas decisións políticas erradas e viciadas no contexto español.

 A saída europea dalgúns empregos non cabe interpretala como unha posibilidade senón como un axuste conxuntural nos “mercados laborais” de cada Estado, entre oferta e demanda. Todos os informes dos expertos sinalan que a tendencia da nova economía esixe -e cada vez máis- poucos técnicos. A tecnoloxía permite que uns poucos especialistas desenvolvan os sistemas necesarios para o funcionamento da empresa. Por outra banda, os procesos de fusión empresarial reducen as ofertas de traballo. Con outras palabras: cada vez máis farán falta mellores profesionais, mais en cantidade máis reducida.

 A lóxica destes obxectivos é abafante: unha “escola da ignorancia” (da que tanto nos falou Jean-Claude Michéa), coa produción sistemática de consumidores, é outra das engrenaxes necesarias para que a roda da globalización siga avanzando. Unha verdade universalmente aceptada é que no ensino está a clave do éxito económico. Todo o mundo sabe que os empregos do futuro requirirán niveis de capacitación máis altos que nunca. O que non todo mundo  sabe analizar é onde está o erro de tal formulación.

 O sistema económico non pode absorber unha masa de traballadores ben preparados. A escola de calidade é necesaria só para uns poucos. O resto do ensino é mellor que funcione daquela maneira. A conflitividade derivada dun sistema de ensino xeneralizado e de alta calidade non podería ser soportada polo sistema económico, onde moitos individuos ben preparados deberían competir por moi poucos postos de traballo. O ensino universal e de calidade non é un obxectivo político do sistema dominante. Estes argumentos non son política ficción, despréndense dos documentos antes mencionados. É o pensamento versus ideoloxía das elites económico-políticas da globalización.

 Moitos dos traballos que permitían unha vida digna como consecuencia das remuneracións percibidas hoxe están a ser substituídos por outros que van no sentido contrario. No futuro, aínda que poida haber un crecemento do emprego, non é menos certo que será con salarios baixos e cunha precariedade xeneralizada. A crenza de que o ensino é cada vez máis importante baséase na formulación (aceptada maioritariamente sen análise e debate) seguinte: os avances tecnolóxicos incrementan as oportunidades laborais para quen traballa. Dito en termos máis sinxelos: a informática e os avances tecnolóxicos axudan a quen traballa coa cabeza, aínda que podan prexudicar a quen traballa coas mans.

 Con todo, anos atrás, algúns economistas e analistas puxeron en solfa esta afirmación dicindo que este era un xeito errado de pensar no asunto. As computadoras -sinalaron- sobresaen nas tarefas rutineiras, "tarefas cognitivas e manuais que poden realizarse seguindo regras explícitas". Pola contra, os traballos que non se poden levar a cabo seguindo regras explícitas (categoría que inclúe diversas clases de traballo manual) tenderán a crecer, aínda a pesar do progreso da tecnoloxía. Talvez as dúas teses teñan moitas lagoas. A realidade é que non temos traballo nin uns nin outros, nin en cantidade nin de calidade.

 O paradoxo deste tempo é que un título universitario non é garante dun bo emprego, nin tan sequera dun emprego. Ningún país chegará a ser desenvolvido simplemente outorgándolles aos estudantes títulos universitarios ou de formación profesional, se eses títulos non son máis que pasaportes a empregos que non existen ou a empregos cuns salarios que non permiten unha vida digna.

 Non estou contra a formación nin a tecnoloxía -todo o contrario-, mais non quero deixarme confundir. Un sistema destas características sempre terá recursos para un sector da excelencia, destinado a formar as diferentes elites defensoras do que está acontecendo, que serán cada vez máis necesarias na medida en que a economía mundial vaia agudizando as súas contradicións. Terá moitos menos para o grupo máis numeroso, o dos desempregados -ou empregados de forma precaria e flexíbel- que terán menos recursos e serán menos necesarios, incluso problemáticos para o sistema. Os cambios tecnolóxicos precisan máis explicación e fundamento que a da simple necesidade sistémica. Os avanzos teñen que servir ás persoas e non xustifican por si mesmos calquera decisión. O que estou a criticar é a formación desde a escola que fala destas cousas desde outras perspectivas, dando soporte á ignorancia que o sistema precisa para laminar calquera capacidade critica e facer máis dixeríbeis os contos que lle queiran contar. Non está de máis parafrasear de novo a Michéa: "é unha cuestión de deseño social, de decisión política consciente para fuxir dunha Escola da verdade".

 As crises puxeron de manifesto tamén a inconsistencia do modelo sindical actual para afrontala. A orientación pactista sostida nunha profesionalización sindical e nos tecnicismos do argumentario das direccións sindicais acentuou o retroceso da clase traballadora a partir dos anos oitenta do pasado século. Non foron quen de opoñerse á ofensiva neoliberal mais aló do discurso. É unha mínima autocrítica esixíbel a quen dirixiu os aparellos das organización sindicais que practicaron dito sindicalismo. No caso do Estado español como noutros da redonda os interlocutores desta liña non teñen unha marxe presentábel na xestión.

O erro fundamental na miña análise é que as direccións sindicais -como as políticas- centraron na resistencia a súa acción sindical, pensando que sería suficiente para a conservación dos dereitos laborais nunha regulación keynesiana pactada da economía, confiados no seu statu quo negociador, recoñecido institucionalmente polo poder e crendo inxenuamente que había marxe para un acordo aceptábel. Confundiron a moita xente con algunhas convocatorias mobilizadoras apoiadas na fórmula de sempre, negociación-presión baseada no mesmo erro de partida xa que o problema é que conflito e crise non deixan marxe máis que para unha estratexia de confrontación sostida no tempo que deixe á descuberta os principios dos contendentes (capital e traballo) e nunca estiveron dispostos, nin están, a desenvolver.

 O século XXI terá entre as súas principais características a complexidade e a interrelación dos conflitos. Mais, unha de dúas: ou seguimos polo mesmo camiño ou esiximos un cambio na dinámica sindical. A colaboración cos movementos sociais e as organizacións políticas dispostas a unha confrontación sostida no tempo non poderá facerse sen substituír a formula de representatividade sindical actual.

 Nunha sociedade con máis prosperidade para todos, a formación non é a única resposta: teremos que ocuparnos de construír esa sociedade directamente. Por iso a clave consiste en restablecer o poder de negociación que a forza do traballo perdeu nos últimos anos, de xeito que os traballador@s poidan negociar, a través dunhas organizacións renovadas e moito máis participativas e democráticas, unhas remuneracións e condicións sociais axeitadas ao tempo que nos toca vivir. Aos que están hoxe pasoulles o tempo. O cambio pasa por garantir as necesidades básicas para todos os traballadores namentres o “mercado laboral” non teña a capacidade de ofrecerlle un emprego de calidade que permita unha vida digna.

 Teño a certeza de que ese debe ser o camiño.

 

 

[Galiza, 24 de xuño de 2020]