A clase traballadora viguesa sae á rúa para pedir "emprego digno" nunha comarca “industrial e con futuro”
A manifestación, que percorreu a distancia entre a Doblada e a farola de Urzaiz, fai parte da campaña que a CIG-Vigo está a desenvolver en demanda de “emprego digno na nosa terra” e para reivindicar unha comarcal “industrial e con futuro” e que pivota sobre catro eixos fundamentais: combater a propaganda oficial que fala de recuperación económica, sinalar os culpábeis da situación de crise, achegar alternativas e promover a mobilización social.
O secretario comarcal da central nacionalista, Alberto Gonçalves, avogou durante a súa intervención ao remate da marcha por combater a propaganda gubernamental “que intenta ocultar a grave situación socioeconómica que padecemos, como amosa a existencia de máis de 80.000 persoas que se atopan no paro na bisbarra, moi enriba das cifras oficiais”.
Neste senso, lembrou que a pesar dos datos que avalarían a suposta recuperación “vemos como continúa a destrución de postos d etraballo e o esmorecemento dos nosos sectores produtivos, ao tempo que aumenta a temporalidade e a precariedade no emprego”.
Ademais, sinalou os culpábeis desta situación, “que non son outros que o PP e o PSOE, xa que aprovaron sucesivas medidas antiobreiras e reformas laborais lesivas para os intereses da clase traballadora ao ditado da Unión Europea e da Troika”. Fronte a isto, lembraou que a CIG achegou unha serie de alternativas que foron recollidas nunha ILP que o PP rexeitou no Parlamento galego.
Finalmente, adiantou que a intención da central é que esta campaña sexa a inicio dunha serie de protestas que se sosterán no tempo co obxectivo de “derrubar as políticas da dereita mediante a mobilización social nas empresas e na rúa”.