A clase traballadora galega toma as rúas no 1º de Maio convocada pola CIG para reclamar emprego, salarios e pensións dignas
A clase traballadora consciente tomou as rúas de Galiza unha vez máis convocada pola CIG para conmemorar o 1º de Maio, Día do Internacionalismo Proletario, e reclamar emprego, salarios e pensións dignas. Varios milleiros de persoas mobilizáronse nun total de 15 localidades baixo o lema 'Paremos o saqueo!' en resposta a unha “realidade económica e social extrema” que está a causar un “importante deterioro nas condicións de vida” da maioría social, tal e como denunciou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na súa intervención ao remate da masiva manifestación de Vigo, que unha vez máis foi a máis numerosa de cantas se celebraron nesta xornada por todo o país.
A deste luns foi, un ano máis, unha xornada de reivindicación durante a que se que lembrou que as políticas favorábeis para as clases populares son resultado da loita e da mobilización, “e non concesións dos gobernos nin da patronal, nin tampouco nacen do diálogo social”, en palabras do máximo responsábel da central nacionalista.
No seu discurso Carril incidiu en que ante nunha situación tan crítica como a actual é máis necesario ca nunca seguir saíndo á rúa para esixir políticas que rematen cos efectos devastadores da inflación e da carestía da vida. Atendendo ao contexto xeopolítico mundial, fixo especial fincapé na necesidade de esixir o cese das accións de guerra e de volver á diplomacia como única vía para a resolución do conflito de Ucraína. E condenou o “lamentábel papel” que están a xogar a UE e o Estado español neste conflito, “como títeres dos intereses da OTAN e dos EUA, aumentando o gasto militar e o envío de armamento”.
Fronte a isto, reafirmou a aposta da CIG por unhas relacións internacionais sen subordinacións, sen explotación nin dependencias, como único xeito de construír un mundo máis xusto, solidario, igualitario e pacífico. O que pasa, segundo sinalou, por respectar o dereito de Galiza e de todos os pobos a exercer a súa plena soberanía, o dereito de autodeterminación e a capacidade de decidir libremente.
No que ten que ver coa situación socioeconómica, Carril denunciou a “espiral xeneralizada” de alza dos prezos e o aumento dos índices de pobreza. “As políticas que están a aplicar os Gobernos non son suficientes nin xustas, por moito que haxa en Madrid un chamado Goberno de esquerda, que esaxera coa súa propaganda as medidas que aproba, ou por moito que sexa tildado de moi radical pola dereita”. Segundo advertiu, estas políticas está a alimentar o medre da ultradereita, xa que para confrontala son precisas medidas alternativas e non aplicar as mesmas políticas económicas “inxustas, centralistas e recentralizadoras”.
Entre elas, citou as que se están a impoñer ao ditado dos plans neoliberais da UE como a reforma das pensións, “que non amplía dereitos pero si recortes e que afecta especialmente as persoas menores de 50 anos ao consolidar os recortes das reformas anteriores”. De igual xeito, a última reforma laboral, “coa que nin recuperamos nin gañamos dereitos, como consecuencia de sacar adiante unha regulación laboral sen derrogar as de 2010 e 2012”.
Desigualdade e pobreza
O resultado -censurou- é que os beneficios das empresas do IBEX 35 están a medrar nove veces máis ca os salarios, “e os grandes anuncios feitos polo Goberno español de novos impostos a estes enormes beneficios quedaron en bastante pouco, ou en case nada”.
Pola contra, intensifícanse os chamamentos e a imposición, a través do Pacto de Rendas, da moderación salarial, nun contexto no que a patronal ten secuestrada a negociación colectiva, de xeito que impide calquera recuperación do poder adquisitivo das pensións e dos salarios, mentres o SMI e as prestacións de xubilación seguen por baixo do que recomenda a Carta Social Europea. En consecuencia, o Estado español está á cabeza dos estados nos que os salarios reais caen máis, “até o punto de que o poder adquisitivo en 2023 é como o de 1996”.
Estas políticas están a provocar un aumento das desigualdades e da pobreza en Galiza, con importantes sectores produtivos agonizando. “Como pode ser que teñamos o IPC máis alto do Estado español cando somos produtores dos principais alimentos da cesta da compra como o peixe ou os produtos agrarios?”, preguntouse. De igual xeito sucede co prezo da electricidade ou dos combustíbeis a pesar de que somos, produtores de enerxía e temos unha refinería da Coruña.
Neste senso, lamentou que as políticas do PP na Xunta sigan a afondar no desmantelamento industrial e a reforzar a dependencia económica do noso país, “entregado como está a facilitarlle ao capital español e internacional todo tipo de negocios, como vén de acontecer con Pescanova”. E censurou que a única alternativa que se promove dende o Goberno galego sexa un “turismo desordenado e descontrolado”, o tempo que se insiste na privatización dos servizos públicos, na eucaliptización do noso monte e na consolidación dun novo proceso de colonización enerxética.
Fronte a isto, apelou á necesidade de intensificar a mobilización fronte á patronal e aos Gobernos, para dar resposta a unha realidade económica e social “extrema” agochada baixo o diálogo social con CCOO e UGT. “Un diálogo social que se ten convertido nunha fosa común na que enterran os nosos dereitos laborais e sociais”.
E quixo deixar moi claro que “nós non imos calar e temos que denunciar que estes sindicatos saian hoxe á rúa con discursos reivindicativos, cando están domesticados, absolutamente desmobilizados, fanaticamente entregados á conciliación co poder económico e político”.
Mobilizacións de Vilagarcía, Burela, Ribeira, Cee, As Pontes, Verín, A Estrada e Cangas
Chamamento ao conflito
Neste punto o secretario xeral da CIG subliñou que a clase traballadora está chamada ao conflito na negociación colectiva para recuperar o poder adquisitivo dos salarios, “para que non nos rouben desde as cúpulas de CCOO, UGT e da patronal o dereito a negociar e decidir en Galiza os nosos convenios colectivos e as nosas condicións de traballo”.
Ao tempo que aproveitou para lembrar que ás portas de novas convocatorias electorais é necesario ter moi claro que as saídas para o noso futuro pasan por apostar nas forzas políticas propias, “autenticamente galegas, nacionalistas e de esquerdas, de teoría e de acción, e que defendan os nosos intereses como clase traballadora galega e como pobo galego”. Porque, segundo sostivo, temos que seguir reclamando, tamén a través do voto, cambios efectivos e reais de políticas para a recuperación dos dereitos e no recoñecemento de novos dereitos.
Para rematar, fixo un chamamento a confrontar con loita e mobilización “a crúa realidade que temos por diante”, para conquistar políticas alternativas e para poder avanzar nunha saída galega xusta da crise esixindo a intervención pública da economía e de sectores estratéxicos, como o bancario, enerxético, pero tamén dos mercados, para garantir dereitos básico como ter “pan, traballo e vivenda”. E tamén para avanzar na defensa dos servizos públicos, na recuperación económica, na industrialización e na creación de emprego digno na nosa terra.