A clase traballadora galega bótase ás rúas convocada pola CIG contra unha nova reforma laboral que consolida a precariedade
A clase traballadora galega botouse hoxe ás rúas do país convocada pola CIG para amosar o seu total rexeitamento á nova reforma laboral que veñen de aprobar o Goberno español, a patronal e os sindicatos CCOO e UGT. O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, instou a non validar no Congreso dos Deputados/as unha normativa que consolida a precariedade e reclamou unha nova lexislación que permita recuperar os dereitos roubados e mellorar as condicións de traballo.
Imaxes da Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro, Cee e Ribeira
A xornada de mobilizacións, con 11 protestas por toda Galiza, coincidiu coa convocatoria feita en Euskal Herria e Catalunya polo sindicalismo transformador para esixir a derrogación inmediata das reformas laborais de 2010 e 2012 e reivindicar o dereito a negociar os convenios colectivos nos respectivos países, de xeito que as persoas traballadoras poidamos decidir sobre as nosas condicións de traballo e que non sexan as cúpulas sindicais as que o fagan por nós dende Madrid.
O secretario xeral da CIG, que participou na manifestación de Vigo, instou a non con validar o próximo 3 de febreiro no Congreso dos Deputados/as este novo pacto social “que vén enterrar máis dereitos laborais e que significa consolidar as reformas de 2010 e 2012”. Carril chamou a aprobar unha nova lexislación laboral que permita recuperar os dereitos roubados e mellorar as condicións de traballo “para termos emprego e salarios dignos”.
O responsábel sindical denunciou a “fraude” que supón unha nova reforma laboral que non derroga a de 2012, “que supuxo un auténtico golpe de estado aos dereitos laborais e sociais da clase traballadora”, e que non recupera nin permite avanzar en novos dereitos. “Despois de 10 anos de loita e de mobilizacións, despois de dúas folgas xerais, a reforma de 2012 queda intacta, coa gravidade de que se actualiza á medida das duras e inxustas condicións impostas pola UE para acceder aos fondos europeos”.
Neste senso, criticou o que considera un “novo e grave exemplo” da renuncia de UGT e CCOO a exercer de sindicatos de clase, de entreguismo aos intereses da patronal e de “tontos útiles” na renuncia do Goberno de PSOE e Unidas Podemos “á tan repetida promesa electoral” de derrogación da reforma. Por iso lamentou que agora, 10 anos despois, fagan súa a reforma laboral do PP de Rajoy “cando dicían que estaban en contra”.
Gaña o capital e avanza o neoliberalismo
Para Carril, esta reforma é un novo instrumento que vai favorecer as “nefastas” políticas do PP e de Feijóo en Galiza e constitúe a peor solución para afrontar xustamente a crise social e industrial que padece o noso país, a actual carestía da vida e os cambios que se están a dar no mundo do traballo resultado dos procesos da descarbonización e dixitalización, “que está a ter graves consecuencias como a destrución de emprego e o aumento da precariedade”.
Porque con esta reforma “gaña o capital, avanza o neoliberalismo e Feijóo pecha o círculo para que a clase traballadora galega e o pobo galego sigamos indo a pique”. Dáselle todo o poder para que o empresariado poida despedir fácil e barato, aplicar ERE, ERTE e modificacións substancias das condicións de traballo, baixar salarios e estender a precariedade e a pobreza laboral.
Con respecto ao proceso de elaboración e aprobación da reforma, Carril censurou que “non lles abondou con utilizar o diálogo social de forma antidemocrática para chegar a este obsceno acordo de non derrogar a reforma laboral, senón que aínda por riba queren impoñelo no Congreso”. Diante disto, quixo deixar moi claro que a CIG non vai calar, “por iso nos mobilizamos, por iso agardamos que as forzas políticas soberanistas e de esquerdas se manteñan firmes sen dar un paso atrás para impedir que saia adiante”.
Así, incidiu en que son tempos de loita, de mobilización, e adiantou que os próximos días e os próximos meses “son claves para parar a reforma e para confrontar as agresións que estamos a sufrir por causa da crise e da súa xestión polos Gobernos galego e español”. Porque non hai mellora real das condicións de vida nin conquista de dereitos “se non hai confrontación social e ideolóxica contra o poder económico e político”.
Principais aspectos negativos da nova reforma laboral
Durante a súa intervención ao remate da protesta, o secretario xeral da CIG repasou os principais aspectos negativos dunha reforma que recorta dereitos laborais e consolida un mundo do traballo “inxusto, centralista, antidemocrático e asentado na temporalidade e na precariedade”:
-Impón os marcos estatais fronte ao dereito á negociación colectiva en Galiza.
-Non remata coa eventualidade nin impide as fraudes nos contratos a tempo parcial porque as modificacións nos tipos de contratos redúcense só a un cambio de nomes.
-Implanta a inseguridade laboral permanente, agora chamada flexiseguridade, que se estende ao conxunto da clase traballadora, mentres a patronal disporá de máis recursos públicos e mecanismos para empeorar as condicións laborais e salariais.