A clase traballadora ateiga as rúas do país no 1º de Maio para rexeitar as reformas laborais e a lei mordaza

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, esixiu a derrogación dunhas medidas que precarizan o emprego e criminalizan a resposta social contra os recortes
Vigo - 04 Mai 2016

A clase traballadora galega ateigou as rúas das principais cidades e vilas do país, para rexeitar as reformas laborais e a lei mordaza. O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, que participou na manifestación de Vigo -que novamente foi a máis numerosa do país con arredor de 10.000 asistentes-, esixiu a derrogación dunhas medidas que precarizan o emprego e criminalizan a resposta social contra os recortes.

SOS Sanidade Pública de Compostela

Explica que se están dando casos en que son chamados/as desde os servizos de admisión do CHUS para retrasarlle en máis de oito (8) meses  a cita para revisión. Cita que, especifica, xa fora concedida con anterioridade. Algunhas persoas citadas para o mes de maio do 2016, estáselles a retrasar a cita para xaneiro de 2017.

Algunhas persoas citadas para o mes de maio do 2016, estáselles a retrasar a cita para xaneiro de 2017.

 


Galería de imaxes de Vigo

Galería de imaxes da Coruña, Lugo, Ferrol, A Mariña e Cee

Galería de imaxes Compostela

Galería de imaxes de Pontevedra e Cangas

Galería de imaxes de Ourense

Vídeo da Coruña

Vídeo de Lugo

Vídeo de Pontevedra

Vídeo de Compostela

Os traballadores/as galegos/as secundaron de xeito masivo unha vez máis o chamamento feito pola CIG para conmemorar o Primeiro de Maio, data que simboliza a loita do proletariado de todo o mundo para rematar coa explotación de clase, mellorar as súas condicións de vida e conquistar unha sociedade xusta, libre e igualitaria.

A marcha central, que tivo lugar en Vigo, foi novamente a que rexistrou unha maior participación das 13 convocadas nas principais cidades e vilas do país baixo o lema 'Reformas laborais e lei mordaza, anulación xa'. Durante o percorrido, no que participaron distintas organizacións políticas e sociais e que congregou arredor de 10.000 persoas, as consignas máis coreadas foron “A crise social que a paque o capital”, “Nas empresas e na rúa a loita continúa”, “Feijóo cacique Galiza vai a pique”, “Banca e patronal, ladróns por igual” e “Queremos traballar e non emigrar”.

Ao remate da mobilización, xa na Porta do Sol, tomou a palabra o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, para denunciar que as reformas laborais aprobadas polo PP en 2012 e polo PSOE en 2010 “comparten unha mesma lóxica de precarización, de recorte de dereitos e de empobrecemento da clase traballadora e responden ao mesmo programa de saqueo que ditan a Unión Europea e a Troika para aumentar a nosa explotación”.

Incidiu tamén na importancia de continuar coas mobilizacións até lograr que sexan derrogadas e sinalou que a CIG non pode aceptar que se traizoen os milleiros e milleiros de traballadores/as que nestes anos “fixeron Historia con maiúsculas” con folgas xerais masivas “que demostraron a capacidade de resposta da clase obreira”.

Intervención do secretario xeral

O encargado de pechar o acto, antes da interpretación da Internacional e do himno galego, foi o secretario xeral da CIG, Suso Seixo. O máximo responsábel da central nacionalista artellou a súa intervención arredor de cinco grandes temas.

En primeiro lugar, repasou as principais consecuencias da aprobación das sucesivas reformas laborais: abaratamento dos despidos individuais e colectivos, redución das prestacións por desemprego, caída xeneralizada dos salarios, incremento da xornada laboral e da precariedade e debilitamento da negociación colectiva. Segundo denunciou, estas reformas constitúen o maior ataque contra os dereitos e intereses da clase traballadora dende a transición, “e foron levadas adiante coa única finalidade de debilitar a clase traballadora e incrementar o poder e os beneficios do capital”.

A continuación abordou a Lei de Seguridade Cidadá, coñecida popularmente como Lei Mordaza, promovida polo PP para reprimir a contestación social contra as súas políticas antisociais e antiobreiras. “É unha lei antidemocrática, un instrumento represivo en mans da Policía e da dereita que pode ser usado de forma arbitraria e discrecional contra aquelas persoas e organizacións que resulten molestas por opoñerse ás políticas promovidas dende o poder”.

Despois denunciou o trato que a Unión Europea está a dar ás milleiras persoas refuxiadas que buscan protección en Europa fuxindo, na maioría dos casos, das guerras que se producen nos seus países de orixe. “Trátase de seres humanos que foxen de escenarios de miseria ou de perigo de morte, provocados polas políticas imperialistas da UE e dos seus aliados para favorecer os intereses xeoestratéxicos e económicos do capital transnacional”. Diante disto, esixiu a anulación inmediata do acordo entre a UE e Turquía e o máximo respecto polos dereitos destas persoas.

Rematar co sistema capitalista

A seguir reivindicou o dereito de Galiza a decidir sobre o seu futuro como nación no marco do Estado español e da Unión Europea e amosouse convencido de que o noso país non ten futuro mentres dependa de forzas políticas e de institucións políticas e financeiras españolas “que non só non van facer nada por mudar a realidade política e económica que padecemos, se non que van seguir traballando e lexislando para que Galiza siga a cumprir o papel dunha nación dependente e periférica, economicamente falando, e sometida cultural e politicamente”.

Neste senso, apostou por que o nacionalismo se converta nun movemento político e social maioritario no noso país xa que “calquera proceso revolucionario, de transformación política, económica e social no Estado español só vai vir da man e do exercicio da soberanía por parte das nacións que formamos parte del”. Tamén aproveitou para denunciar o acoso do Estado español contra o nacionalismo galego vía ilegalización de organizacións políticas e represión daqueles símbolos que nos identifican como pobo”.

Finalmente, fixo fincapé na necesidade de mudar o actual modelo económico e social capitalista. Lembrou que o 1º de Maio, Día do Internacionalismo Proletario, celébrase para poñer en valor a solidariedade dos traballadores/as de todas as nacións do mundo na loita común pola súa emancipación como clase e que o sistema capitalista no que vivimos representa xustamente o contrario. “Estamos a falar dun sistema que fomenta a insolidariedade; a desigualdade; a incultura; o feminicidio; a opresión dos pobos; a negación do carácter universal de dereitos fundamentais como o ensino, a saúde, o traballo, a vivenda, a enerxía ou as pensións; o confronto entre pobos e seres humanos; e a explotación do home polo home”.

Seixo rematou o seu discurso renovando o compromiso e a determinación da CIG de seguir a loitar por superar este modelo capitalista e facer realidade un novo sistema económico e social en Galiza que faga realidade a emancipación social e nacional da clase obreira galega.