
A CiUG dá marcha atrás: nas comisións delegadas e na avaliación da PAU só participará profesorado do ensino público

Os centros educativos que imparten Bacharelato recibiron hoxe mesmo, 11 de febreiro, un correo electrónico da CiUG no que rectifica a información comunicada por esa mesma vía o día 5 de febreiro. O texto remitido conclúe coa afirmación de que o profesorado dos centros privados non participará nin nas comisións delegadas nin nas comisión de avaliación.
O comunicado da CiUG chega seis días despois da denuncia pública da CIG-Ensino, na que o sindicato maioritario no ensino público demandaba que só puidese participar nas tarefas relacionadas coa PAU o persoal docente dos centros públicos.
No correo electrónico faise referencia a “distintas consultas realizadas a nivel xurídico” para tomar a única decisión que, para a CIG-Ensino, respecta os criterios básicos dunha proba cuxos resultados dan acceso exclusivamente a universidades públicas.
A CIG-Ensino felicita aos responsábeis das tres universidades públicas galegas por unha rectificación necesaria ante unha primeira decisión que causara un profundo malestar na comunidade educativa.